A acuicultura é unha actividade económica que conta con moita tradición en España, especialmente en Galicia, que se sitúa como o primeiro produtor acuícola a nivel nacional. Ademais, a crecente demanda sitúao como o sector industrial con maior crecemento a nivel mundial, cunhas cifras que aumentan ano a ano. Consciente desta realidade, a Universidade de Vigo leva anos ofrecendo dentro da súa programación de cursos de verán o obradoiro Xestión de explotacións acuícolas, unha actividade impartida por especialistas en acuicultura e xestión empresarial que, avalado polo éxito das edición anteriores chega agora á undécima edición.
Dirixido por Carlos Ferro, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, este curso está destinado tanto a profesionais da acuicultura xa en activo como a persoas con formación en Ciencias do Mar, Bioloxía, ciencias en xeral, ou tamén enxeñeiros e enxeñeiras que queiran combinar o seu campo de coñecemento coa xestión empresarial. A maiores, está pensado tamén para aquelas persoas que queiran dar o paso de emprender, un aspecto sobre o que o director do curso salienta que “o desenvolvemento do sector require de novas ideas de explotación, por iso, xa nas últimas edicións se incorporou unha xornada relacionada con emprendemento e formación en mercadotecnia buscando a xeración de valor no produto acuícola”.
Formación multidisciplinar para afrontar os retos da acuicultura
Para o alumnado das áreas de Bioloxía e Ciencias do Mar non abonda só coa formación recibida na carreira, senón que para poder moverse con éxito no sector acuícola cómpre ter unha serie de coñecementos arredor do mercado, así como das ferramentas que permiten estudalo e sacarlle o máximo partido. Neste sentido, para que os alumnos e alumnas poidan adquirir unha formación multidisciplinar, o curso “combina coñecementos procedentes de dous ámbitos de actividade que case nunca conflúen nunha mesma persoa, dun lado, a xestión económico-empresarial, e doutro a actividade acuícola, que é unha das actividades relevantes do PIB galego”, salienta o director do curso, quen explica que a metodoloxía do obradoiro se basea na combinación de pílulas infomativas, desenvolvemento de casos e saídas de campo, distribúese ao longo de cinco sesións, do 17 ao 21 de xuño, nos que as persoas matriculadas poderán escoitar a doce especialistas en acuicultura e xestión empresarial.
A primeira das visitas que se realizarán será ao IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa), que contará cun percorrido en barco para coñecer todos os detalles do proceso de cultivo de mexillón nas bateas e unha demostración de traballos. A outra visita será ás instalacións de Pescanova en Porriño para ver o proceso de achega de valor ao produto pesqueiro mediante os produtos precociñados.
Ao longo destes once anos, este curso de verán contou cunha moi boa acollida entre o alumnado e foron xa arredor de 300 as persoas que pasaron por el dende a súa primeira edición. Segundo apunta Carlos Ferro, as razóns do seu éxito hai que buscalas, na “combinación de coñecementos do ámbito empresarial e da acuicultura, no boca a boca das anteriores edicións, na súa duración, nas datas de realización, na estrutura temática, nas saídas de campo e na calidade dos docentes”
Inscricións ata o 31 de maio
As persoas interesadas en participar neste curso poden realizar a súa pre-inscrición ata o día 31 de maio a través da páxina Culturxest. O custe deste obradoiro é de 13 euros para a comunidade universitaria e de 20 euros para as persoas alleas. Ao remate do obradoiro entregarase un diploma acreditativo que o alumnado poderá convalidar por 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.