Volve Cine Miúdo ao teatro AFundación, unha actividade do Primavera do Cine para o público infantil

Cine Miúdo volverá un ano máis ao teatro AFundación o 25 e 26 de abril para facer gozar aos máis pequenos con cine e música en directo
Publicado por o día 18/03/2019 na sección de Galicia,Cultura,Eventos,Vigo

Volve Cine Miúdo ao teatro AFundación, unha actividade do Primavera do Cine para o público infantil

A nova edición de Cine Miúdo chega un ano máis á cidade da man do Festival Primavera do Cine en Vigo. Así, os rapaces de infantil e primaria poderán aprender a importancia que ten a música no cine ao mesmo tempo que pasan un bo rato.

Deste xeito, do 25 ao 26 de abril, entre as 11 e as 12 da mañá, os integrantes do grupo Caspervek Trío musicalizarán en directo diferentes pezas de grandes obras do cine co fin de ensinarlles aos máis pequenos a estreita relación que existe entre a música e a sétima arte.

Por segundo ano consecutivo, o evento realizarase no teatro AFundación (antigo García Barbón), que colaborará co festival e cederá o seu espazo para que os cativos gocen dunha experiencia única.

Non cabe dúbida de que Cine Miúdo é xa unha das actividades con máis éxito do festival, non só por parte dos nenos, senón tamén por parte dos docentes, que consideran o acto como unha actividade pedagóxica moi importante. De feito, dende os seus inicios, pasaron polo evento máis de 2000 cativos.

Esta iniciativa está destinada unicamente aos colexios. Por iso é necesario que o propio centro formalice a inscrición no correo electrónicocinemiudo@primaveradocine.com. O prazo remata o próximo 5 de abril.

O PROGRAMA DE CINE MIÚDO

O programa dividirase nun total de catro bloques no que terán lugar diferentes xogos e actividades. Así, nun deles, Caspervek Trío interpretará parte da banda sonora de Indiana Jones e o Templo Maldito, pero non será a única peza, senón que tamén farán o propio con outras obras coma a curtametraxe muda Felix Goes West. Ademais, os propios cativos terán a oportunidade de subir ao escenario e poñerse detrás dos instrumentos musicais para engadir a banda sonora ao filme Charlot Boxeador e, finalmente, será todo o público quen musicalice parte do filme Os Minions. Sen dúbida, será o momento máis desexado para todos eles, grazas ao cal descubrirán o emocionante que é musicalizar cine e que os converterá en verdadeiros protagonistas do certame.

Doutra banda, e coma novidade este ano, tamén se lles proporcionará aos centros de ensino un material extra didáctico grazas ao cal poderán seguir afondando na materia. Todo co fin de que sexa unha actividade pedagóxica e lúdica para os cativos de infantil.

O TRÍO CASPERVEK

O trío Caspervek nace en 2013 co obxectivo de musicalizar filmes clásicos do cine mudo. Nosferatu, de Murnau; La casa encantada, de Segundo de Chomón ou incluso O emigrante, de Charles Chaplin son algunhas das obras ás que lles compuxeron unha nova banda sonora en directo.

Dende entón, Caspervek busca ofrecer unha experiencia audiovisual completa e, por iso, decide explorar dun xeito amplo as relacións existentes entre a música e o cine.

O festival Primavera do Cine, que se levará a cabo do 30 de abril ao 5 de maio, contará unha vez máis con eles para que poñan as notas musicais desta nova edición de Cine Miúdo.