Volve o Festival ‘O Museo de Pontevedra en Curtametraxes’

Establécense catro categorías de participación e unha contía total en premios que ascende a 7.600 euros
Publicado por o día 29/09/2018 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Volve o Festival ‘O Museo de Pontevedra en Curtametraxes’

Xa está aberto o prazo para inscribirse no Festival ‘O Museo de Pontevedra en curtametraxes’, no que pode participar o alumnado da provincia, tanto de centros de ensino públicos como privados. Este programa, que xa vai pola segunda edición, está deseñado para que as persoas mozas poidan amosar a súa particular visión, a través de curtametraxes, do patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, no Edificio Sarmiento e nas Ruínas de San Domingos, así como da celebración do 90 aniversario do Museo de Pontevedra.

As curtametraxes poderán realizarse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfonos móbiles e deben estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente polo alumnado, e non poderán durar máis de 5 minutos con créditos incluídos. A data límite para inscribirse é o 18 de xaneiro de 2019 e para enviar as curtas o 12 de abril. Unha vez admitidas no Festival poderán ser visualizadas a través da páxina web do Museo, así como no Facebook e na canle de Youtube da institución a partires do día 20 de maio de 2019. O Festival rematará nunha entrega de premios ás curtas gañadoras que terá lugar o 31 de maio de 2019.

As categorías de participación, ao igual que o ano pasado, son ‘Infantil’ para alumnado que curse 5º e 6º de primaria, ‘Benxamín’ para alumnado para 1º e 2º da ESO, ‘Alevín’ para 3º e 4º da ESO, e ‘Cadete’ para alumnado de Bacharelato, Graos medios e Formación Profesional Básica. Os premios establécense do seguinte xeito: Infantil con 600 euros no primeiro premio e 300 euros no segundo premio; Benxamín con 80o euros no primeiro premio e 500 no segundo; Alevín con 1.000 no primeiro premio e 70o euros no segundo premio; e Cadete con 1.500 euros e 1.000 euros para cada un dos premios. Tamén se contempla unha mención especial dotada con 200 euros nas categorías Infantil e Benxamín, e con 400 euros nas categorías Alevín e Cadete.