Volven as ‘Visitas Cruzadas’ ao Museo de Pontevedra

Terán lugar durante catro domingos do mes de abril coincidindo co mes no que se celebra o Día das Artes Galegas e co inicio da mostra sobre Alejandro de la Sota no Sexto Edificio
Publicado por o día 20/03/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Volven as ‘Visitas Cruzadas’ ao Museo de Pontevedra

As ‘Visitas Cruzadas’ volven ao Museo de Pontevedra durante catro domingos do mes de abril. Tras o éxito desta iniciativa durante o ano pasado, a área de Cultura e Lingua decide manter o programa no que un grupo de oito persoas de diferentes eidos da cultura galega exercerán de ‘guías por un día’ para amosar a súa particular visión do Museo de Pontevedra. O nome destes oito guías fixéronse públicos esta mañá na presentación das Visitas Cruzadas 2018, na que participaron o director do Museo, Carlos Valle, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e dous dos futuros guías, a actriz e comunicadora Nieves Rodríguez, e o escritor, editor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

Tanto Carlos Valle como Xosé Leal incidiron no éxito que as Visitas Cruzadas supuxeran na súa primeira edición – que tivera lugar os domingos do mes de maio de 2017- polo que “consideramos que esta iniciativa debe manterse e ter un maior percorrido” sinalou Xosé Leal. Pola súa banda Carlos Valle asegurou rotundo que se trata dun “programa do que o Museo está particularmente satisfeito”. Segundo o deputado de Cultura e Lingua, a escolla dos e das guías realizouse “cunha visión de país e introducindo unha variedade relevante en canto a procedencia, e escollendo persoas que sexan relevantes no seu ámbito de referencia e tamén de diferentes xeracións”. Así nesta edición, ao igual que o ano pasado, as disciplinas representadas non están relacionadas directamente coas disciplinas propias dun museo ou especializadas en arte, e repítense ámbitos como a música, as artes escénicas, a comunicación, a literatura e o cinema, e introdúcese a edición. Na preparación dos percorridos de cada un e cada unha destas guías ocasionais, ten un papel inestimable o asesoramento do equipo técnico do Museo, e nomeadamente o gabinete didáctico, ao que Xosé Leal agradeceu especialmente toda a súa colaboración e profesionalidade para sacar adiante con éxito esta iniciativa.

O único cambio introducido con respecto á pasada edición é o mes no que se celebrarán as Visitas Cruzadas. O deputado nacionalista explicou que “o mes de maio, a pesares de ser o Mes dos Museos, ten este ano unha relevancia especial en Pontevedra por dedicárselle o Día das Letras Galegas a Mª Victoria Moreno e vai haber moita actividade cultural ao redor desta efeméride”. O cambio a abril vén dado pola coincidencia co mes no que se celebra o Día das Artes Galegas,  que ano se lle dedica a Alejandro de la Sota, e que tamén durante o mes de abril as salas de exposición temporal do Sexto Edificio acollerán unha exposición antolóxica dedicada a este arquitecto pontevedrés.

As visitas

En representación das oito persoas que participarán no programa, tanto Nieves Rodríguez como Francisco Castro incidiron na “responsabilidade que supón exercer de guía e no reto que implica con respecto ao ano pasado, porque deixaron o listón moi alto”. O director xeral de Galaxia explicou que “esta iniciativa demostra que este é un Museo moderno, que non é estático, pétreo, e que responde a un dos grandes retos actuais que é o de abrirse á cidadanía con iniciativas interesantes”.  Unha idea compartida por Nieves Rodríguez quen ademais engadiu que “aínda que é un Museo coñecido en toda Galicia, hai persoas que aínda pensan que segue sendo un lugar reservado a determinado tipo de xente, cun certo estatus, e estas Visitas Cruzadas permitirán que deixe de ser así, porque ademais de ser unha iniciativa interesante tamén é unha iniciativa valente”.

A actriz e comunicadora afirmou que aínda está no proceso de escolla das obras que conformarán o seu percorrido pero xa anunciou que “vou procurar que estean moi relacionadas coa comunicación porque o fin último é o de comunicarnos co público, que cada un de nós comunique a nosa idea propia do Museo”. Sobre os percorridos persoais tamén se manifestou Francisco Castro quen indicou que “esta visitas van propoñer ver outro Museo, en realidade poderase ver o Museo de Pontevedra en oito museos diferentes, a través de oito miradas diferentes”. Francisco Castro tamén cualificou como “un luxo” ser convidado a participar no programa. “Tamén é un luxo poder exercer de guía por un día, porque sempre que visitamos un museo no fondo todos marchamos co noso propio Museo” engadiu.

O programa repite o esquema da primeira edición e cada xornada inclúe dous itinerarios diferentes de 30 minutos de duración, e cada un deles correspondente a unha persoa que exerce de ‘guía ocasional’. Cada unha destas dúas persoas comeza o seu itinerario guiando a un grupo de 25 participantes e ao cabo da media hora, os participantes de cada grupo cambian de guía. (E a persoa guía volve facer o itinerario co seguinte grupo). Ao final da segunda media hora, ambos grupos e ambas persoas guía re-encóntranse na planta superior do Sexto, na zona da terraza, onde se servirá un petisco de cortesía que funcionará como espazo de intercambio de opinións de xeito distendido.  O horario destas visitas será de 12h a 13:30h.

A primeira xornada terá lugar o domingo 8 de abril e estará protagonizada pola música: Sés (Mª Xosé Silvar) e Xurxo Souto serán os que exerzan de guías de excepción. A seguinte xornada, o domingo 15, terá como guías á actriz e música Iria Pinheiro e ao editor de Urco Editora, David Cortizo.. O domingo 22 serán a actriz e comunicadora Nieves Rodríguez e o escritor, editor e director de Galaxia, Francisco Castro os que se encarguen de guiar a visita; e o domingo 29 será a quenda do cimena con Margarita Ledo e Xacio Baño.

Inscricións

En cada unha das visitas, que serán de balde, poderán participar 50 persoas previa inscrición. As inscricións deben realizarse exclusivamente vía correo electrónico no enderezo do gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es. Cada luns, a partires das 8:00 horas, abrirase o prazo para anotarse para a visita do domingo desa semana. As 50 primeiras inscricións realizadas por estrita orde de entrada dos correos serán as participantes desa semana.

Poderán inscribirse persoas de 14 anos en adiante, e en cada correo electrónico poderán inscribirse un máximo de 4 participantes.