“Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?”

Trinta activistas galegas/os polo dereito a pensións dignas participarán o vindeiro martes 30 nunha xornada de debate no Parlamento Europeo
Publicado por o día 24/01/2018 na sección de Política,AGE

“Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?”

 Baixo o título “Xubilación en tempos de austeridade. Cal será o futuro do noso sistema de pensións?” a eurodeputada galega Lídia Senra e @s greg@s Sofía Sakorafa e Nikos Chountis, integradas no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)coordinaran o vindeiro martes 30 unha xornada de debate no Parlamento Europeo (PE) en Bruxelas. Dende Galiza desprazaranse trinta persoas do ámbito da loita social a prol do sistema público de pensións para participar neste evento na Eurocámara.

“Con esta xornada queremos socializar información e experiencias de países que sufrimos a violencia económica das medidas de austeridade. Imos compartir propostas e liñas de traballo para garantir sistemas públicos de pensión sostíbeis e protexidos da instrumentalización e destrución operada por certos Gobernos,  como está a pasar co do Partido Popular nestes momentos no Estado español”, abondou Senra. “Está claro que a tentativa de rematar co sistema público de pensións forma parte dun plan para ir  preparando o terreo cara a súa privatización e favorecer o lucro de empresas privadas. É  unha estratexia neoliberal que estamos a percibir a nivel de toda a Unión Europea e que agudiza inda máis a vulnerabilidade das clases populares”.

O evento desenvolverase arredor de dous eixos principais. No primeiro panel, introducido pola eurodeputada grega Sofía Sakorafa, exporanse experiencias tendo en conta o retroceso en materia de dereitos sociais provocada pola intervención da Troika nos países do sur da UE. As claves iniciais virán da man do sindicalista, docente e economista galego Xabier Pérez Dávila; do tamén docente e asesor da Marea Pensionista de Catalunya, Ramón Franquesa e do ex-Secretario Xeral de Seguridade Social do Ministerio de Traballo, Seguridade Social e Benestar de Grecia, Giorgos Romanias, especialista en Dereito laboral.

Lídia Senra dará inicio á segunda parte da xornada, na que se buscará deseñar propostas concretas para poder garantir a sostenibilidade dos sistemas públicos de pensións. A integrante do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas e voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, Victoria Portal Mariño, dará conta das mobilizacións sociais levadas a cabo nestes últimos anos e concretará as demandas específicas plantexadas dende a cidadanía para salvagardar o sistema público de pensións. As súas propostas serán completadas cas achegas de Dimitris Stratoulis, ex Viceministro grego de Seguridade Social (Grecia) e polo Instituto Sindical Europeo (representante pendente de confirmación).

As conclusións e puntos clave do encontro serán compilados polo eurodeputado Nikos Chountis, encargado de pechar o evento.