A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para escolas infantís de 0 a 3 anos xestionadas por entidades de iniciativa social

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas para 2018 dotada con 3,4 millóns de euros, un 9,5% máis que na anterior edición
Publicado por o día 24/01/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para escolas infantís de 0 a 3 anos xestionadas por entidades de iniciativa social

A Consellería de Política Social publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de axudas para o mantemento de escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de Entidades Privadas de Iniciativa Social (EPIS) no ano 2018, unha orde que permite consolidar a oferta de prazas de educación infantil entre 0 e 3 anos e poñer a disposición das familias un servizo amplo de conciliación no que se presta unha atención educativa de calidade e coas mesmas taxas en atención educativa que os centros da rede galega de escolas infantís da Galiña Azul. Con esta finalidade, a Xunta incrementa un 9,5% o orzamento desta nova convocatoria respecto á do ano 2017 ata alcanzar un montante global de 3.460.152 euros.

Desde hoxe e durante o prazo dun mes a Administración autonómica terá aberto o prazo de presentación de solicitudes para acollerse a esta liña de axudas. Ao abeiro da orde serán subvencionables os gastos de persoal, de alimentación e outros gastos xerais de mantemento dos centros. A contía da axuda establécese en función do número de unidades da escola infantil autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes e de prestación do servizo de comedor. Deste xeito, os centros con servizo de comedor que teñan de 1 a 3 unidades recibirán 20.507 euros por unidade en funcionamento, os que dispoñan de 4 a 6 unidades percibirán 19.579 euros por unidade en funcionamento, e aquelas escolas que conten con 7 ou máis unidades habilitadas terán unha achega de18.640 euros por unidade en funcionamento. Así mesmo, aqueles centros que non conten con servizo de comedor recibirán unha axuda de 16.554 euros por unidade en funcionamento.

Este ano, por segunda vez, concédese un anticipo do 80% da cantidade subvencionada a todas as entidades beneficiarias para garantirlles liquidez; e tamén se continúa coa xustificación de subvención mediante módulos introducidas na convocatoria de 2017 coa finalidade de simplificarlle ás entidades a xustificación da axuda e axilizar a súa xestión administrativa.

Con esta actuación, o Goberno galego consolida un orde que da que se beneficiaron 48 EPIS no presente exercicio e que permitiu o financiamento de 2670 prazas. Nos últimos catro anos o apoio económico ás EPIS aumentou máis dun 13%, pasando dos algo máis de 3 millóns de euros en 2015 aos 3,4 da nova convocatoria.

Esta orde de axudas ás EPIS forma parte das medidas recollidas no Programa de apoio á natalidade de Galicia (PAN-Galicia). A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta na procura de crear un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado laboral.

Na liña do PAN-Galicia enmárcanse preto de 23.500 prazas en escolas infantís públicas ou financiadas con fondos públicos, a apertura de escolas infantís en polígonos industriais, os programas do Bono Coidado e o Bono Concilia, ou as casas niño nos concellos rurais. A suma destes recursos de atención á infancia e conciliación permite que Galicia teña hoxe en día unha ratio de cobertura do 40% dos nenos e nenas galegas de 0 a 3 anos, superando en 7 puntos a ratio aconsellada pola Unión Europea.

O obxectivo é que Galicia se sitúe entre os lugares con maiores atencións públicas, sociais e sanitarias á infancia; e facer deste país un lugar mellor para ter fillos pero, sobre todo, o mellor lugar posible para ser neno ou nena.