A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar a pasada semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas dirixidas aos concellos nas que o Goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados.
A delegada territorial da Xunta en Ourense subliña que ambas as dúas liñas de axuda resultaron moi exitosas nas pasadas convocatorias e foron moitos os concellos da provincia que se viron beneficiados ao abeiro destes programas.
Por un lado, o departamento autonómico dirixido por Francisco Conde destinará 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.
A convocatoria saíu publicada no https://goo.gl/WNVRkJ o pasado venres polo que o prazo de solicitude abriuse onte e rematará o 12 de febreiro. Ao abeiro desta Orde na pasada convocatoria un total de 53 concellos da provincia contrataron a 173 desempregados cunha achega de preto de 1,3 millóns de euros.
Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses.
A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano.
Díaz Mouteira referiuse ao segundo programa de apoio destinadas á Administración local e que saíu publicado no https://goo.gl/vZ7rpn o xoves 11 de xaneiro que destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo. Neste caso as solicitudes poderán realizarse ata o luns 12 de febreiro.
A delegada territorial lembrou que na pasada convocatoria o Goberno galego concedeu case 140.000 euros a 43 concellos da provincia ourensá que posibilitou a contratación de 48 persoas desempregadas.
Marisol Díaz indicou que as dúas accións forman parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego. De feito, descendeu 0,15% con respecto a 2016 e na evolución mensual foi o primeiro mes de decembro no que se produciu un descenso do desemprego de toda a serie histórico.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.