A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a modificación dos prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís -coa fin de incorporar un novo desconto para familias monoparentais- e á expedición de carnés dirixidos á mocidade.
No que respecta ás familias monoparentais, estas están formadas por un único proxenitor ou proxenitora con fillos ou fillas menores ao seu cargo, que non reciben contribución económica para o sustento por parte do outro proxenitor ou proxenitora, e polo tanto, considérase procedente que reciban o mesmo trato que as familias numerosas, xa que ambas merecen unha especial consideración e protección.
Deste xeito, esténdese ás familias monoparentais os descontos que a Xunta recoñece ás familias numerosas no relativo ás actividades do programa Campaña de verán, beneficiándose ambas a partir de agora dun desconto de ata o 50% sobre os prezos establecidos.
Por outra banda, coa modificación publicada hoxe, axústase tamén o prezo do carné de alberguista nas súas diferentes modalidades –mozo, adulto, grupo e familiar- ao establecido pola asemblea da REAJ, que ten aprobada unha baixada do prezo de venda ao público deste carné tratando de incrementar a súa implantación e fomentar as pernoctacións nos albergues pertencentes á REAJ. De agora en diante, os galegos titulares destes carnés pagarán o mesmo que no resto do territorio español, aboando 5, 10, 16 ou 18 euros en función da modalidade de carné (antes pagábanse 6, 13, 16 ou 21 euros).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.