A Xunta estende o desconto do 50% na campaña de verán ás familias monoparentais

Deste xeito, reciben o mesmo trato que as familias numerosas, ambas merecedoras dunha especial consideración e protección
Publicado por o día 04/01/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta estende o desconto do 50% na campaña de verán ás familias monoparentais

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a modificación dos prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís -coa fin de incorporar un novo desconto para familias monoparentais- e á expedición de carnés dirixidos á mocidade.

No que respecta ás familias monoparentais, estas están formadas por un único proxenitor ou proxenitora con fillos ou fillas menores ao seu cargo, que non reciben contribución económica para o sustento por parte do outro proxenitor ou proxenitora, e polo tanto, considérase procedente que reciban o mesmo trato que as familias numerosas, xa que ambas merecen unha especial consideración e protección.

Deste xeito, esténdese ás familias monoparentais os descontos que a Xunta recoñece ás familias numerosas no relativo ás actividades do programa Campaña de verán, beneficiándose ambas a partir de agora dun desconto de ata o 50% sobre os prezos establecidos.

Por outra banda, coa modificación publicada hoxe, axústase tamén o prezo do carné de alberguista nas súas diferentes modalidades –mozo, adulto, grupo e familiar- ao establecido pola asemblea da REAJ, que ten aprobada unha baixada do prezo de venda ao público deste carné tratando de incrementar a súa implantación e fomentar as pernoctacións nos albergues pertencentes á REAJ. De agora en diante, os galegos titulares destes carnés pagarán o mesmo que no resto do territorio español, aboando 5, 10, 16 ou 18 euros en función da modalidade de carné (antes pagábanse 6, 13, 16 ou 21 euros).