A Xunta sorteará cinco vivendas rehabilitadas no Casco Vello de Vigo o vindeiro 6 de marzo

Trátase de vivendas rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, participado nun 90% polo Goberno galego e nun 10% polo Concello vigués
Publicado por o día 01/03/2018 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta sorteará cinco vivendas rehabilitadas no Casco Vello de Vigo o vindeiro 6 de marzo

A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), sorteará o vindeiro día 6 de marzo cinco vivendas rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, nos edificios Subida á Costa 5 y Subida ao Castelo 12 .

As listas de demandantes de vivenda que participarán en ditos sorteos foron xa publicadas e poden consultarse na web do IGVS a través da seguinte ligazón: http://igvs.es/web/actuamos/600

As dúas novas promocións do CCVV que entran agora na fase final de adxudicación supuxeron para este organismo un investimento superior aos 500.000 euros,, que permitirá continuar coa recuperación da zona alta do barrio histórico vigués. As catro vivendas que se crearon en Subida ao Castelo 12 teñen superficies comprendidas entre os 55 e os 76 metros cadrados útiles. Distribuídas en dúas plantas, todas teñen acceso directo desde a rúa e dúas delas contan cun pequeno xardín posterior, en tanto que as outras teñen balcóns abertos cara á rúa que dá nome á promoción. Os prezos dos inmobles agora ofertados oscilan entre os 95.000 e os 125.000 euros.

En Subida á Costa 5 o Consorcio Casco Vello creou unha vivenda unifamiliar, situada na primeira planta, e un baixo comercial, rehabilitando un edificio anteriormente dedicado a usos hostaleiros; situada moi preto do centro de notificacións da Consellería de Xustiza e do Concello de Vigo, a vivenda ten unha superficie de 69 metros cadrados, conta con dous dormitorios e o prezo fixado é de 114.000 euros.

O sorteo ante notario na quenda xeral das 5 vivendas que inclúen estas dúas promocións levarase a cabo, segundo recóllese na mesma notificación, a partir das 10.00 horas, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, na rúa Concepción Areal 8.

104 vivendas rehabilitadas

Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 74 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e tres están en execución. Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 84 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.