A Unidade de Igualdade destinará este ano preto de 20.000 euros en axudas dirixidas a promover a “mirada lila”, tanto nas actividades docentes como en todas aquelas que contribúan á sensibilización en materia de xénero e a transmisión de valores igualitarios na Universidade de Vigo. Subvencionaranse en total 18 actividades que, debido ás actuais circunstancias sanitarias, se celebrarán maioritariamente en liña, organizadas por persoal docente e investigador dos tres campus.
“Dende a Unidade de Igualdade consideramos que a resposta que tivo a comunidade universitaria a estas axudas significa que a nosa institución está a camiñar de xeito máis firme, se cabe, pola senda da inclusión da perspectiva de xénero no coñecemento científico, o que está a incrementar a excelencia e o rigor da nosa actividade académica”, explica a directora da unidade, a profesora Águeda Gómez, quen tamén salienta que, debido a situación pandémica, todas as actividades -docentes e de sensibilización- terán que adaptarse ás recomendacións das autoridades sanitarias, o que provoca o protagonismo dos formatos “en liña”.
No ámbito do Dereito, a Historia, as Belas Artes, as Ciencias…
Na convocatoria de axudas docentes que promovan a perspectiva de xénero rexistráronse 11 solicitudes, das que se seleccionaron nove, pertencentes a diferentes ámbitos, incluído Dereito, Historia, Belas Artes ou Ciencias. “Quixera destacar que cada vez hai máis solicitudes no ámbito científico-tecnolóxico, o que supón que a ‘mirada lila’ está cada vez máis presente na formación científico-tecnoóloxica, un fito moi positivo”, recalca Gómez. Algunhas das persoas que solicitaron este ano estas axudas xa o fixeron en pasadas convocatorias, é o caso das profesoras Susana Reboreda, Ana Pita, Emma Rodríguez, Nora Martínez e Mar Rodríguez Caldas, “o que supón que están a instaurar unha tradición académica con perspectiva de xénero no seus centros e mellorando, en definitiva, os saberes expertos en cada campo do saber”, subliña a directora da Unidade de Igualdade, ao que engade que tamén hai docentes que están a solicitar por primeira vez estas axudas, “o que supón un éxito e amosa a consolidación no tempo desta convocatoria”.
Algúns exemplos das actividades que se van levar a cabo grazas ao financiamento outorgado por estas axudas son a III Xornada Olladas á Antigüidade. Mulleres con nome propio –organizada por Susana Reboreda-; Igualdade de Xénero e Fiscalidade. Perspectiva de xénero no IRPF –por Ana Pita e Mª del Carmen Ruíz-; Verdadeira corresponsabilidade? Os dereitos de conciliación da vida laboral e familiar despois da reforma de 2019 –Nora Martínez e Enma Rodríguez-: II Conferencia Control de Xestión dende unha perspectiva de xénero –Ernesto López-; a Reforma da Constitución Española desde a perspectiva de xénero –Ángel Aday e Mª Antonia Arias-; O vídeo como recurso didáctico en cuestión de xénero. Unha aproximación desde as artes visuais –Cristina Varela-; Identidades creatividades: Sen Moldes IV. Comentarios fotográficos sobre os xéneros –Mar Rodríguez Caldas-, e O sesgo de xénero na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía: unha oportunidade de cambio –Teresa Rivas e Elena Alonso-.
… na Axenda 2030, nas disciplinas STEM, na poesía…
Respecto á convocatoria de axudas de sensibilización para actividades con perspectiva de xénero, destinadas a toda a comunidade universitaria (PAS, alumnado e PDI), aprobáronse un total de oito axudas de ámbitos moi dispares: ciencia e tecnoloxía, filosofía, literatura, historia, cooperación ao desenvolvemento ou fenda de xénero no deporte. “Neste caso os perfís das persoas solicitantes resulta máis amplo, incluíndo recentes investigadoras ou docentes que se ‘estrean’ presentándose a este tipo de convocatorias”, explica Gómez, o que, ao seu xuízo, supón que a temática da desigualdade entre mulleres e homes cada vez atopa máis interese na comunidade universitaria dende unha mirada multidisciplinar e transversal a todas as facultades e ámbitos.
A directora da Unidade de Igualdade destaca tamén que nesta convocatoria participan ademais académicas destacadas “cunha ampla traxectoria nos estudos de xénero e feministas e que son un referente na nosa institución , tales como Mari M. Álvares Lires, Julia Carballo, Nieves Lorenzo ou Maribel del Pozo Triviño”, o que supón “todo un aval a esta aposta da Unidade de Igualdade que, dende hai moitos anos, estase a esforzar por impulsar e apoiar as actividades de sensibilización con perspectiva de xénero no ensino superior”.
Como exemplos destas actividades destacar o V Ciclo de conferencias Unha mirada de xénero, as xornadas Igualdade de Xénero na Axenda 2030, a exposición itinerante Exxperimenta en feminino: o papel das mulleres nas disciplinas STEM, a Lectura poética: voces en feminino ou as xornadas de Igualdade-Muller, memoria e xustiza transicional. Da represión franquista á querela arxentina e Melinco: a cooperacion ao desenvolvemento desde a perspectiva de xénero e os dereitos humanos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.