70 estudantes traballan a pleno rendemento na organización do XIX Foro Tecnolóxico de Emprego

En 2018 colaboraron medio cento de empresas e entregáronse arredor de 2000 currículos
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

70 estudantes traballan a pleno rendemento na organización do XIX Foro Tecnolóxico de Emprego

O vindeiro mes de marzo, entre os días 13 e 15,  volve o Foro Tecnolóxico de Emprego ao vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. O evento, que este ano celebra a súa XIX edición, converteuse xa no encontro de referencia entre o alumnado das escolas de enxeñaría do campus de Vigo e as empresas. O equipo organizador desta nova edición, que este ano está formado por 19 coordinadores e coordinadoras aos que se suma un equipo de  50 estudantes que colaboran con eles en todo tipo de tarefas, está traballando a pleno rendemento desde o pasado mes de outubro para que todo saia á perfección.

Na pasada edición participaron 50 empresas e entregáronse arredor de 2000 currículos. O obxectivo deste ano é superar esas cifras e dende a organización móstranse satisfeitos co traballo realizado durante estes meses na procura desta meta. Así o relata Tomás Prado, estudante do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, e coordinador xeral desta XIX edición do foro.

Para Prado este é o seu terceiro ano consecutivo participando na preparación do foro, primeiro fíxoo como colaborador e, na edición do ano pasado, como coordinador de conferencias. Este ano deu o salto a coordinador xeral e, tras uns meses como líder do equipo organizador, valora a súa experiencia como “unha grande oportunidade para aprender, mellorar e demostrar as miñas aptitudes na xestión de equipos e proxectos” e , ademais, destaca que participar na organización deste evento proporciona unha aprendizaxe que durante a carreira non se adquire.

Máis de 20 empresas confirmaron xa a súa participación

Ademais de conferencias e workshops, o foro contará de novo coa presenza de postos de diferentes empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos seus futuros empregadores. Nestes momentos son arredor de 20 as firmas que xa confirmaron a súa participación, pero o prazo de inscrición non remata ata o día 2 de febreiro e a maioría acostuman a anotarse durante o mes de xaneiro, polo que dende a organización contan con que “vai haber unha boa participación”, tal e como salienta Prado.

De entre todos os currículos que o alumnado entregou no foro do ano pasado, moitos deles conseguiron grazas a isto a súa primeira experiencia laboral. “Ter unha charla ou mesmo nalgún caso unha entrevista cos representantes das distintas empresas é unha ocasión única, non só laboral, senón tamén de aprendizaxe que ningún alumno debería perder”, recalca o coordinador xeral desta edición.

Claves do éxito e posibilidades de futuro

O Foro Tecnolóxico de Emprego é un escaparate para o talento do alumnado, xa que promociona as asociacións e os proxectos que o estudantado desenvolve. O que se pretende dende este evento é mostrarllo ás empresas para facilitar o contacto entre o estas e o alumnado, e así o levan facendo durante 19 anos.

Organizado polo alumnado dende os seus inicios, o encontro medra cada ano un pouco máis, o que indica a satisfacción por parte de todos os implicados. Neste senso, Prado quere lograr que o alcance do foro deste ano sexa aínda maior. Tamén salienta que o éxito do foro vén dado non so pola colaboración por parte das empresas, senón tamén porque “estar nas entradas das escolas é unha gran sorte xa que facilita moito a participación dos alumnos e alumnas”.