A Cátedra R en Ciberseguridade e o CPEIG impulsan o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital

Con talleres, un ciber-reto e relatorios sobre ameazas e solucións de seguridade na contorna dixital
Publicado por o día 14/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Cátedra R en Ciberseguridade e o CPEIG impulsan o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital

Coñecemento e experiencia unidos para que Galicia sexa referente no campo da ciberseguridade. Ese é o obxectivo primeiro do evento [email protected], que comeza a súa andaina este luns con dous obradoiros nas escolas de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e de Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña. Este encontro está impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Colexio Profesional de Enxeñeiros de Informática de Galicia, e conta tamén coa colaboración da Amtega, Gradiant, Emetel, Hijos de Rivera, Abanca e o COETG. Dende esta tarde e ata o vindeiro xoves 17 desenvolveranse catro xornadas nas que haberá obradoiros, un ‘ciber-reto’ e relatorios para falar de solucións, normativas, desafíos e ameazas inherentes á seguridade na contorna dixital.

A Cátedra R en Ciberseguridade, desenvolvida polas universidades de Vigo e da Coruña, ten como finalidade promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado e mellorar a capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.

Internet das cousas e sistemas operativos

As tres primeiras xornadas de [email protected], dende hoxe ata o mércores 16 de outubro, diríxense a estudantes e novos titulados e tituladas que van participar en obradoiros sobre introdución á auditoría dos dispositivos IoT/IIoT mediante Shodan e a analizar vulnerabilidades en contornas Windows e Linux. Así, no primeiro taller que se desenvolve esta tarde tanto en Coruña como na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, afóndase na Internet das Cousas, tanto na súa variante doméstica (IoT) coma industrial (IIoT). No segundo obradoiro, que bota a andar mañá martes, efectuarase un test de intrusión, dende os primeiros pasos de análise e enumeración, ata a explotación e toma de control de equipos dos sistemas operativos Linux e Windows para detallar esas potenciais vulnerabilidades.

O ‘ciber-reto’

No marco deste foro terá lugar tamén o reto de Ciberseguridade de Gradiant e Hijos de Rivera, unha iniciativa que presenta unha serie de desafíos que os participantes, estudantes en calquera das universidades galegas ou de ciclos formativos de grao superior en centros galegos, teñen que resolver empregando os seus coñecementos en criptografía, análise forense, networking ou reversing. Cunha duración máxima de 2 horas, deberase solucionar o maior número de retos posibles para obter un premio de 500 euros.

Xornada para empresas

Se as tres primeiras xornadas estaban orientadas a estudantes, a xornada final, o 17 de outubro, está dirixida ao ecosistema empresarial e desenvolverase no auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago, da man de expertos nacionais e internacionais que afondarán en diferentes aspectos da ciberseguridade.

Así, por exemplo, terá lugar a intervención dun responsable da unidade de ciberseguridade e desinformación do Departamento de Seguridade Nacional da Presidencia do Goberno, que explicará a Estratexia Nacional de Seguridade. Sobre ciberseguridade na transformación dixital versarán, nunha mesa de debate, os relatorios de voceiros de empresas e entidades como Balidea, Gradiant, Abanca, Forensic & Security ou o Grupo Euskaltel. Tamén se falará da visión actual do mercado ante o reto da seguridade na empresa e de ciberseguridade nas pemes para superar a falla de recursos e minorar riscos. A idea é, en suma, ofrecer, coas achegas de especialistas en todas estas áreas, as claves básicas para manter segura a empresa na contorna dixital a día de hoxe.

Durante a xornada de peche entregaranse, así mesmo, os Premios ao Reto; un premio á  mellor tese de doutoramento en ciberseguridade dotado de 700 euros; dous premios aos mellores traballos fin de mestrado en ciberseguridade na UVigo e na UDC con 400€ cada un e outros dous premios ao traballo fin de grao en ciberseguridade tamén en ambas universidades, con 300 € cada uno deles.