Dous anos despois da súa posta en marcha na Universidade de Vigo, o Programa HRS4R Human Resources Strategy for Researches acaba de recibir a avaliación positiva da Comisión Europea, o organismo que impulsa o programa, que ten como obxectivo a implantación da estratexia e os principios da Carta Europea do Investigador e o Código de Conduta para a contratación de persoal investigador. “O resultado positivo é un recoñecemento a esta aposta estratéxica da Universidade para mellorar o ámbito da investigación e situarnos con visibilidade no Espazo Europeo de Investigación”, sinala Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo.
As e os avaliadores da Comisión destacan na súa diagnose os compromisos do goberno da Universidade por esta estratexia e o enfoque de mellorar os procesos relacionados coa carreira investigadora, tales como os principios éticos, a non discriminación, o compromiso coa sociedade ou a promoción da mobilidade. Entre os aspectos a mellorar, as e os responsables da avaliación sinalan a accesibilidade (procedementos, información pública) en inglés para o persoal investigador estranxeiro e a transparencia e internacionalización dos procesos de contratación ao longo da carreira investigadora. “Este modelo de excelencia esta baseado nos estándares de calidade na investigación definidos pola Comisión Europea a través da Carta Europea do Investigador e o Código de Conduta para Contratar Investigadores (C&C: The Carter & The Code), que está orientado a poñer en marcha as condicións necesarias na universidade para volvela máis atractiva cara á carreira profesional do seu persoal investigador e mellorar os resultados de investigación e a visibilidade da institución”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación.
Próximas accións
Tras esta avaliación intermedia, que xa estaba programada para mediados de ano, desde a posta en marcha do programa no ano 2017, os seguintes pasos están orientados á implantación das liñas de acción previstas nun horizonte de tres anos, de xeito que estes estándares sexan operativos sen importar o centro, grupo ou ámbito de investigación “e así poñer a Universidade en condicións de superar a visita da avaliación da Comisión Europea que se producirá no ano 2022”, adianta a vicerreitora.
A avaliación positiva da Comisión Europea do programa HRS4R prodúcese catro meses despois de que o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobase a creación de catro grupos de traballo, que teñen o obxectivo de potenciar e mellorar o seu funcionamento, a través da participación de persoas de diferentes centros e servizos, con distintos perfís relacionados co eido da investigación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.