A Consellería de Política Social licita unha unidade de primeira acollida na provincia de Pontevedra

O recurso, que atende a menores en situación de risco, contará cun máximo de 10 prazas
Publicado por o día 19/04/2019 na sección de Social,Galicia,Pontevedra,Xunta de Galicia

A Consellería de Política Social licita unha unidade de primeira acollida na provincia de Pontevedra

A Consellería de Política Social publica no Perfil do contratante da Consellería de Política Social a licitación da Unidade de Primeira Acollida (UPA) na provincia de Pontevedra para a atención de menores en situación de risco. Esta unidade terá un máximo de 10 prazas e o prazo para a presentación de ofertas de contratación finaliza o 15 de maio.

A Unidade de Primeira Acollida ten como finalidade atender de maneira urxente, inmediata e nun horario continuado de 24 horas a aqueles nenos, nenas e adolescentes (de entre 0 e 17 anos) que se atopan nunha situación de posible maltrato ou desamparo que aconsella o seu ingreso nunha institución. O obxectivo deste recurso é dar resposta inmediata a unha situación de emerxencia dun menor, en tanto se avalía a situación na que se atopa.

Desta maneira, neste servizo recibirase ao menor en situación de desprotección proporcionándolle de xeito inmediato un contexto de seguridade e protección. O equipo de profesionais encargado da unidade encargarase ademais de realizar un informe inicial sobre a situación do menor.

A permanencia está limitada a 45 días, xa que unha vez avaliado o neno, nena ou adolescente deberá decidirse se é preciso adoptar unha medida de protección máis estable, como o acollemento familiar ou residencial, ou ben proceder ao seu reintegro na familia, se se constata que non existe causa de desprotección. Neste último caso tamén se pode completar a intervención cun programa de apoio familiar.