A Deputación aborda a mellora da seguranza viaria na EP-8305, no concello de Campo Lameiro, cunha actuación de 82.200 euros

A actuación acometerase nun treito de preto de 500 metros da estrada en Moimenta e inclúe a rehabilitación do firme, a substitución dun muro e a instalación de redutores de velocidade, amais da renovación da sinalización viaria
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

A Deputación aborda a mellora da seguranza viaria na EP-8305, no concello de Campo Lameiro, cunha actuación de 82.200 euros

A Deputación de  Pontevedra iniciará proximamente as obras de mellora da seguranza viaria na EP-8305 Chacente-Morillas-San Isidro, ao seu paso pola contorna do núcleo de Moimenta, no Concello de Campo Lameiro, nas que investirá un orzamento de 82.200 euros. A actuación, que acaba de saír a licitación, enmárcase no modelo de mobilidade da institución provincial e  desenvolverase no treito de case medio quilómetro entre o pq 1+775 e 2+245, unha zona que hoxe visitou o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, xunto ao alcalde de Campo Lameiro,  Carlos Costa.

As obras teñen como obxectivo a reforma na plataforma do viario nun tramo e unha nova xestión do tránsito dos vehículos, a fin de mellorar tamén a mobilidade peonil do citado núcleo. Deste xeito, os traballos consistirán na rehabilitación do firme existente, a reposición dun muro de contención, a execución de redutores de velocidade e a renovación da sinalización viaria horizontal e vertical.

Máis polo miúdo, substituirase na súa totalidade o muro de mampostería existente na marxe dereita do viario entre o pq 2+185 e 2+245, e que se atopa en estado de abombamento, por un novo de cachotes de granito. Este muro será executado de acordo coa tipoloxía existente e a súa construción obrigará a recompoñer o paquete de firme demolido pola súa escavación.  Amais, disporanse tres redutores nos puntos quilométricos 1+780, 1+920 e 1+180, por mor da necesidade de reducir a velocidade debido ao estreitamento do viario e para permitir a mobilidade peonil segura na zona. Por último, acometerase a sinalización viaria, tanto horizontal como vertical, mediante marcas lonxitudinais e de superficie viarias, sinais reflectantes verticais viarias e captafaros retroreflectantes tipo ollo de gato.

Comentar noticia

Your email address will not be published.