A EFA recomenda renovar os tratamentos contra o mildio nas viñas tras constatar o avance da enfermidade

O centro dependente da Deputación de Pontevedra publicou un novo aviso fitosanitario no que tamén aconsella realizar o primeiro tratamento fronte ao oídio en viñas sensibles e advirte sobre outras enfermidades en distintas árbores e cultivos
Publicado por o día 15/05/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Deputación de Pontevedra

A EFA recomenda renovar os tratamentos contra o mildio nas viñas tras constatar o avance da enfermidade

Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou un novo aviso fitosanitario no que volve constatar o avance do mildio nas viñas e recomenda renovar os tratamentos contra esta enfermidade en canto sexa posible, salvo que se teñan feito nas últimas xornadas.

O persoal especialista da EFA explicou que as condicións meteorolóxicas coma as da última semana, con períodos de humidade e temperaturas nocturnas elevadas, son moi favorables para o desenvolvemento do fungo e teñen como resultado contaminacións continuas. Así, nos predios nos que a Estación fai o seguimento constatouse a presenza de síntomas en todas as viñas, aínda que de diferentes intensidades, desde algunhas que apenas o tiñan nas follas a outras plantas con avance en manchas antigas e tamén algúns acios afectados. Ademais, recibíronse moitas consultas de persoas propietarias de predios e con variedades de diferente sensibilidade incapaces de frear o avance da enfermidade, pese a reducir os intervalos de tratamento a menos de oito días.

O persoal da Estación recomenda renovar os tratamentos, tendo especial coidado ao aplicalos, aproveitando as previsións climatolóxicas para os vindeiros días, que anuncian unha mellora do tempo. Advírtelles ás persoas viticultoras a necesidade de manter ben segada a cuberta vexetal, se a hai, en especial nas viñas en formacións máis baixas.

Doutra banda, o aviso fitosanitario referiuse tamén ao oídio. Aínda que o persoal da EFA non observou aínda os primeiros síntomas nas viñas revisadas, apunta que no caso das variedades máis sensibles ou con historial de danos en todas as campañas é aconsellable aplicar un tratamento antes do inicio da floración, cando comeza a máxima sensibilidade do acio ao patóxeno, aproveitando a realización de posibles intervencións antimildio. No resto de variedades recomenda incrementar a vixilancia, porque coas condicións climatolóxicas previstas para os próximos días probablemente comecen a aparecer os primeiros síntomas.

 

No que lle atinxe ao black rot, desde a Estación de Areeiro constatan que a presenza da enfermidade non foi tan evidente coma a pasada semana, aínda que se observou un incremento dos síntomas característicos desta enfermidade nas follas de plantas abandonadas e tamén nalgunhas das sometidas a tratamentos. Non se detectaron síntomas en pampos ou en pecíolos, pero é previsible que aparezan, así como nos acios, pola continuidade das condicións meteorolóxicas favorables desde hai semanas e polo feito de que se poden manifestar tempo despois da infección.

Para controlar esta patoloxía, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar calquera tratamento antimildio ou antioídio nas próximas semanas con funxicidas que tamén teñan acción fronte ao black rot. Ademais, apunta á necesidade de respectar tanto o número máximo de aplicacións por campaña de cada produto coma as doses recomendadas e de non empregar sempre as mesmas materias activas para evitar a aparición de resistencias. Tamén advirte que, no caso desta enfermidade, xeralmente hai máis síntomas nas plantas cultivadas cando están preto de vides sen cultivar, polo que aconsella a súa retirada para reducir o nivel de inóculo.

Doutra banda, no caso da botrite, o persoal da Estación advirte que, como consecuencia dos ventos que houbo neste inicio de campaña, nalgunhas viñas quedan pampos secos nas propias plantas sobre os que se pode instalar este fungo. Aínda así, o tempo máis seco que se prevé para os próximos días non lle resultará favorable e, ademais, permitirá que os restos das primeiras flores se vaian desprendendo, aínda que mentres haxa elevada humidade estes poden quedar adheridos.

No que se refire ás pragas de artrópodos, as técnicas e técnicos da EFA declaran que houbo capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas de todos os predios, aínda que non se observou aínda ningún niño das eirugas, e detectouse a presencia de síntomas moderados de erinose nalgunhas viñas.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutras árbores, cultivos e froitos. Así, no caso da maceira, esta semana o persoal da EFA detectou que avanzaron os síntomas do xaspeado, polo que aconsella non descoidar a protección das plantas, en especial das variedades máis sensibles, para evitar danos á froita en formación. Tamén advirte que a mellora do tempo que se prevé a partir deste venres 15 de maio probablemente favorecerá o desenvolvemento da couza da mazá.

No que se refire ao marmelo, esta primavera tan húmida está a provocar que nalgúns xa haxa certa perda de follas a consecuencia do Entomosporium maculatum, polo que se recomenda aplicar un funxicida. Tamén se constataron os primeiros síntomas do oídio, aínda que moi leves.

Doutra banda, no caso dos cítricos, o bo tempo pode favorecer a formación de brotes tenros que atraerán pulgóns e moscas brancas, os cales xa están empezando a aparecer. Ademais, nalgunhas plantas xa hai ovos, ninfas e adultos de psílido africano. Neste sentido, a EFA sinala que, se non hai moitos brotes afectados e a árbore non se vai ver prexudicada, a eliminación dos brotes contribúe a limitar as poboacións da praga.

No que lle atinxe á pataca, desde a EFA destacan que será moi importante renovar canto antes o tratamento nas plantas se non se fixo ultimamente ante a posible ameaza do mildio debido á humidade dos días anteriores. Doutra banda, nalgunhas plantacións obsérvanse xa danos por escaravellos, polo que o persoal da EFA aconsella aplicarlles un tratamento específico para estes.

A melloría do tempo que se espera pode favorecer, así mesmo, a aparición de pulgóns e outros chupadores en varios cultivos, polo que o persoal especialista apunta que convén incrementar a vixilancia ao respecto, porque son máis sinxelos de controlar nos momentos iniciais.

Por último, no que lle atinxe ao buxo, atopáronse novos síntomas da Cylindrocladium buxicola nalgunhas sebes. Para a súa contención, como sinala o persoal da EFA, é fundamental combinar as medidas de retirada das follas secas cos tratamentos funxicidas. No que se refire á Cydalima perspectalis, aínda se poden observar algunhas eirugas grosas nalgunhas sebes, pero menos que a semana anterior, segundo as observacións do persoal da Estación. Tampouco se recolleron adultos no exterior, pero seguen a nacer na poboación do laboratorio da EFA.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado pola COVID-19 a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outros predios visitados e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. As e os técnicos da Estación destacan que, aínda así, convén confirmar a situación particular de cada predio, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.