A familia celeste elixirá o nome da nova cidade deportiva do RC Celta entre dez opcións

Publicado por o día 18/08/2020 na sección de 1ª división,Celta,Deportes,Fútbol

A familia celeste elixirá o nome da nova cidade deportiva do RC Celta entre dez opcións

A cidade deportiva do RC Celta está a poucas semanas de recibir aos xogadores do primeiro equipo para afrontar a esixente tempada 20/21. Este proxecto, que colma de ilusión ao celtismo e cobre as necesidades do club para poder potenciar e mellorar o seu traballo, tanto na canteira como no seu filial e primeiro equipo, está a piques de ser bautizado. A misión de porlle un nome que perdurará na historia do club recaerá integramente na afección celeste.

Este domingo concluíu a primeira fase para que os afeccionados mandasen as súas propostas de nome para o novo complexo deportivo do RC Celta. En total, recibíronse máis de 3.500 posibles nomes dos que tan só permanecen unha decena na carreira por ser o elixido.

Este martes 18 de agosto arrinca a segunda fase na que os seguidores celestes poderán votar entre este dez últimos candidatos a bautizar a ilusionante cidade deportiva. A votación poderase realizar AQUÍ ou a través dun formulario a disposición dos afeccionados na Sede.

As opcións que quedan en liza son as seguintes:

Cidade Deportiva Afouteza
Cidade Deportiva Afouteza Celeste
Cidade Deportiva Afouteza e Corazón
Cidade Deportiva Fogar de Afouteza
Cidade Deportiva Terra Celeste
Cidade Deportiva Fogar Celeste
Cidade Deportiva Celeste
Cidade Deportiva Berce Celeste
Cidade Deportiva RC Celta
Cidade Deportiva Castro Celta

Aquel participante cuxa proposta durante a primeira fase sexa finalmente a máis votada, e por tanto poña nome á nova cidade deportiva do RC Celta, gozará dunha experiencia única nas novas instalacións e un tour guiado co capitán do primeiro equipo. No caso de que a opción elixida fose proposta por máis dun afeccionado, realizarase un sorteo para elixir o beneficiario da experiencia.

Ademais, sortearase unha camiseta oficial da tempada 2020/21 asinada polo persoal do RC Celta entre todos os usuarios que enviaron a súa proposta durante a primeira fase e outra entre aqueles que participen a partir de hoxe na votación entre os dez nomes finalistas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.