O vindeiro sábado día 18 de maio celébrase o Día Internacional dos Museos, que este ano se conmemora coa temática dos Museos coma eixos culturais e futuro das tradicións.
O ICOM quere centrar a celebración deste ano nos novos papeis dos museos coma actores activos en cada comunidade, nunha sociedade en contínuo cambio, na que tamén os museos se teñen que adaptar e reinventarse, sendo máis interactivos, flexibles e móbiles, espazo de coñecemento onde as persoas compartan e interactúen.
Entre as accións para conmemorar o Día Internacional dos Museos, dende o Concello da Guarda se organiza unha visita guiada ás Salinas Romanas do Seixal, aproveitando a segunda fase do proxecto «A Guarda, Mar de Sal» para a recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda. O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permiten crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía. Para esta visita guiada, que terá lugar o sábado 18 de maio ás 10:45h, é preciso unha inscrición previa no enderezo electrónico anabam.anabam@gmail.com ou no teléfono 616 180 557. O punto de saída será o Porto da Guarda e a duración estimada desta visita é de 2 horas.
Ademais, tamén durante a xornada do sábado día 18 de maio, o acceso ao Monte de Santa Trega será de balde, contando tamén coas visitas guiadas postas en marcha dende o departamento de turismo para coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega.
As visitas guiadas realizaranse os sábados e domingos dos meses de maio e xuño en horario de 11:30h, 12:30h e 17:00h.
Ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas é preciso facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
Do mesmo xeito o acceso ao Centro de Interpretación das Fortalezas do Castelo de Santa Cruz tamén será gratuíto, onde se atopa arestora a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.