A Guarda prepárase para un divertido e animado Entroido 2020

Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia,A Guarda

A Guarda prepárase para un divertido e animado Entroido 2020

A Concellería de Cultura e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda preparan unha animada e divertida programación para este Entroido 2020 con actividades para todas as idades que arrancarán na xornada do venres 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila.

A programación inclúe, ademais das citas obrigatorias do Desfile dos Colexios(venres 21 de febreiro) e do desfile de Entroido(martes 25), diversas actividades con animación infantil, obradoiros, pintacaras, música en directo, entre outras.

A Guarda dará a benvida ao Entroido 2020 na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile no que participarán a meirande parte dos alumnos e alumnas dos centro educativos da vila cun percorrido polo casco urbano, onde lucirán os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.

Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:30h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada “Bailongo session” a cargo de “Furry Destroyer”.

O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o “Domingo das Familias” a partir das 18:00h co Concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.

Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil “Abordaxe Pirata” e “Minidisco” de Barafunda e un “Obradoiro de máscaras” de Manunú, a partir das 17:30h na Alameda da Guarda. A “Abordaxe Pirata” é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. “Minidisco” continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.

Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o “Desfile de Entroido” ás 17:30h, con saída dende a “Esquina Famosa” e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada “Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes. As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3000€, bases completas na web municipal www.aguarda.es. A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.

Menú de Entroido

Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao  longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2020

VENRES 21 DE FEBREIRO

DESFILE DOS COLES COA CHARANGA VAIA PANDA

Pola Mañá

Organizan: Colexios da Guarda

SÁBADO 22 DE FEBREIRO,

SÁBADO DE GUATEQUE

Concerto do Grupo Quedequé

E despois: pinchada con “Furry Destroyer”

Alameda da Guarda a partir das 23:30

DOMINGO 23 DE FEBREIRO

DOMINGO DAS FAMILIAS

Concerto da Gramola Ye Ye

Pintacaras para nenos e nenas con Manunú

Alameda da Guarda a partir das 18:00h.

LUNS 24 DE FEBREIRO,

LUNS DOS NENOS

Espectáculo infantil “Abordaxe pirata” e “Minidisco” con Barafunda

Obradoiro de máscaras con Manunú

Alameda da Guarda  a partir das 17:30h.

MARTES 25 DE FEBREIRO, ás 17:30h.

MARTES DO DESFILE

Desfile de comparsas carrozas e grupos acompañados da batucada “Bate no Cobre”

Consulta as bases en www.aguarda.es.

Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda