A noite viguesa organízase para facerlle fronte ao machismo

A Asociación 85C busca erradicar o acoso machista nas rúas de Churruca e Irmandiños co protocolo de actuación “Ollos Abertos”.
Publicado por o día 26/02/2020 na sección de Galicia,Colectivos Feministas,Social,Vigo

A noite viguesa organízase para facerlle fronte ao machismo

A asociación feminista de artistas 85C expón realizar un protocolo de actuación contra as violencias e acosos machistas nas esferas nocturnas de Vigo, concretamente nos locais de festa de Churruca e Irmandiños. Con “ Ollos Abertos” defende crear “barrios sans e locais seguros”. Para iso, comezaron por reunirse un total de 50 persoas para debater sobre a situación e sacar á luz os primeiros problemas para, posteriormente, presentarllos aos locais e discotecas da zona.

Actualmente necesitan aumentar a información sobre a situación polo que sacaron dous formularios: un para o público que nos movemos na noite (ligazón aquí) e outro para o persoal de traballo neste sector (ligazón aquí). Nestes cuestionarios, atopamos cuestións sobre se consideramos seguros os lugares que consumimos, se cremos que hai locais que, definitivamente necesitan unha intervención urxente, se existen diversidades nos mesmos ou se os propios bares actúan en consecuencia ante a alerta dun acoso. Á súa vez, pregúntaselles ao sector laboral se teñen xa un protocolo de actuación considerado, que valoren do un ao cinco o número de acosos e ata que punto hai predisposición a introducir cambios.

Polo momento, máis do 60% de respostas proveñen do xénero feminino. As idades destacan entre os 23 e os 32 anos e de orientación heterosexual, en primeiro posto, bisexual, en segundo posto . Por isto mesmo, demandan máis participación, buscando atopar unha variedade de respostas segundo os distintos perfís. O 60% de respostas afirma recibir algunha vez algún tipo de acoso entre as que destacan a verbal, a invasión do espazo persoal, o acoso físico directo e as persecucións. Con menos respostas, tamén atopamos a exclusión ou discriminación, a violencia sexual e o consumo de drogas de forma involuntaria. Algo importante a destacar é que case o 100% de respostas nega recibir axuda rápida e directa por parte do persoal.

En canto aos locais, xa están involucrados algúns como son a Sala Kominsky, o Tinta Negra, A Casa de Arriba, a Brewing Records, o Apiramoira, o Candelas ou o Vitter Bar. Os cambios que se expoñen a estes, e todos aqueles que se sumen, son un protocolo de actuación interno que indique como actuar eficazmente en cada situación, tanto se o acoso é para o público, para o persoal que traballa detrás da barra, ou para as artistas.

Un cartel normativo para os consumidores prohibindo directamente os distintos tipos de violencias e aumentar a comunicación entre a persoa acosada e o persoal. Por último, tamén expoñen algunhas melloras como son barreiras espaciais entre Djs e público e a iluminación das zonas máis escuras das discotecas, onde xorden a maioría dos acosos físicos. Para seguir de preto o proxecto “Ollos abertos”, podes asociarche de forma gratuíta en proxecto85@gmail.com ou seguir as súas redes.