A ODS-Coia convoca una concentración baixo o lema “Ningún despexo sen realoxamento. Vivenda para Abel e Carmela”

Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Galicia,Eventos,ODS Coia,Protestas,Social,Vigo

A ODS-Coia convoca una concentración baixo o lema “Ningún despexo sen realoxamento. Vivenda para Abel e Carmela”

A ODS-Coia convoca o venres 8 de novembro a partires das 11:00 unha concentración diante do Concello de Vigo baixo o lema: “Ningún despexo sen realoxamento. Vivenda para Abel e Carmela”.

Desde hai meses unhas compañeiras da ODS-Coia viven co medo de ficar na rúa. A parella con dúas fillas pequenas, malviven cunha RISGA. Nos vindeiros días van ser desafiuzadas da casa na que levan vivindo durante os últimos anos. Insuficiencia de recursos xunto a un mercado de vivenda excluínte e exclusivo provocaron que nuns días reciban a data de lanzamento.

As respostas das administracións están moi lonxe de garantir o dereito a unha vivenda digna. Xunta de Galiza e Concello de Vigo ofrecen “esmolas sociais” condicionadas a que sexa a familia a que atope vivenda no mercado. Seica descoñecen os elevados prezos dos alugueiros, as elevadas esixencias para as inquilinas en forma de avais, depósitos e seguros imposibles de conseguir para quen malvive con faragullas ou ten un emprego precario.

O labirinto burocrático polo que está a pasar esta familia co fin de non rematar na rúa finaliza con estas respostas dos servizos sociais:

– Xunta de Galiza: concesión do Bono de Alugueiro Social. Cando atopen vivenda, sempre que esta non supere os 450 €/mes, terán durante tres anos unha subvención de 225€/mes para o pagamento do alugueiro.

– Concello de Vigo: ofrecemento de axuda durante 2/3 meses para pagamento do alugueiro a través do “Programa Contra Desafiuzamentos e de Emerxencia Social”.

A situación desta familia é un exemplo máis do grave problema de acceso a vivenda que temos unha maioría. As nosas compañeiras son valentes, deron un paso adiante compartindo esta situación. Amósannos que os problemas estruturais cómpre afrontalos en colectivo e non individualmente como queren desde o poder. Nesta ocasión optaron por agochar a súa identidade, Abel e Carmela non son os seus nomes. Optaron por empregar pseudónimos. Ocultándose queren amosar que estamos ante un problema sistémico, con responsables que se benefician e cunha maioría que padece as consecuencias da cobiza duns poucos.

Temos dereito a unha vivenda, ou nola dan ou a collemos!