Dúas familias quedaron atrapadas pola neve cando se desprazaban en senllos vehículos pola estrada do Piornedo a Lugo, no Alto da Baña, en Cervantes.
Os afectados recibiron axuda dos voluntarios de Protección Civil da localidade, quen conseguiron sacar da neve un dos coches e trasladar ás dúas familias a zona segura.
Faltaban uns minutos para as dez da noite cando o 112 Galicia atendeu a chamada de alerta dunha persoa particular que aseguraba estar atrapada co seu coche no Alto da Baña sen posibilidade de avanzar nin retroceder. En total, precisou, eran dúas familias, catro adultos e tres menores, que viaxaban en dous vehículos e necesitaban axuda para saír de alí.
Desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos membros do GES de Becerreá e dos voluntarios de Protección Civil de Cervantes, que, mediante o uso das coordenadas de situación facilitadas polos afectados e as súas indicacións, deron coas familias en bo estado de saúde. Iso si, só foi posible recuperar un dos vehículos, pero todos os ocupantes foron rescatados e trasladados a lugar seguro para continuar camiño cara ao seu destino.
Mentres tanto, un pai, preocupado pola demora, chamou ao 112 Galicia para saber da súa filla, xenro e neta, que, xunto con outra familia, viaxaban desde Navia de Suarna a Lugo sen que chegasen a destino. Tras comprobar a coincidencia dos datos, os xestores do 112 Galicia puxeron ao pai en contacto co operativo de rescate para que coñecera a boa situación na que se atopaba a súa familia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.