A crise sanitaria non está a permitir que o alumnado de colexios e institutos poida achegarse aos campus a través das xornadas de portas abertas, as actividades divulgativas ou visitas guiadas. Para tratar de manter esta ponte entre a Universidade e o alumnado pre-universitario, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria deseñou un programa de charlas científico-divulgativas co obxectivo de levar o coñecemento que se xera nas escolas e facultades da UVigo a institutos de toda Galicia. Trátase, como explica a vicerreitora Natalia Caparrini, de ofrecer ao estudantado de 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional a posibilidade de que “o noso profesorado especializado imparta charlas divulgativas sobre temas da súa investigación que sexan atractivos para o alumnado de secundaria”. En total o catálogo comprende 55 opcións de relatorios de divulgación científica, coas que se busca achegar ao alumnado preuniversitario un amplo abano de temas científico-tecnolóxicos, de humanidades, arte ou de ciencias xurídicas e sociais e da saúde, de modo que o alumnado pode participar no desenvolvemento dunha clase universitaria cun contido docente adaptado ao seu nivel educativo.
A vicerreitora destaca que esta idea comezou a madurarse no curso pasado, “a idea orixinal eran charlas presenciais, non obstante, dado que a actividade se pode adaptar moi facilmente á modalidade virtual, aceleramos o proxecto para poder ofrecelas xa este curso”. Así, dependendo da situación sanitaria de cada momento, será o persoal investigador o que ofreza as charlas presenciais nos institutos ou ben estas serán en modalidade virtual.
Caparrini valora moi positivamente a resposta do profesorado da UVigo e destaca tamén que a iniciativa “está a ter moita aceptación nos institutos, xa que son charlas impartidas por profesorado universitario pero os contidos coinciden con temario que están traballando nos IES”.
As charlas xa se poden solicitar e desenvolveranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio
Os centros interesados deben consultar o catálogo de charlas, dunha hora de duración, e unha vez elixidas as temáticas preferentes poderán encher o formulario para iniciar a xestión e a organización do faladoiro seleccionado. Unha vez a Universidade reciba o formulario poñerase en contacto co centro para concretar a data na que será realizada a actividade. Os centros educativos poderán solicitar as charlas durante todo o ano, e estas celebraranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio de cada curso académico. Para atender ao maior número de centros, cada un poderá gozar dun máximo de dúas sesións divulgativas. Ata o momento, explica a vicerreitora, “xa temos bastantes solicitudes, case todas en modalidade virtual, pero algunhas tamén en presencial”.
55 opcións de todos os eidos do saber
O catálogo de relatorios comprende un total de 55 opcións divididas en nove bloques temáticos. No que se refire ás ciencias da natureza, os institutos poden solicitar relatorios como Xenética: mutación e diversidade; Deseño sen deseñador en caracois mariños; Que é iso da crise de polinización?; O tictac da vida ou como funciona o teu reloxo biolóxico; As lampreas: aventuras e desventuras dunha viaxe de ida e volta; Contaminación; Cambio global; Paleontoloxía en e dende Galicia; Hai cambio climático na miña localidade? Historia do clima na Terra; A ciencia no sector agroalimentario; Restauración de espazos afectados por explotacións mineiras; O escándalo das emisións en motores diésel (dieselgate); Explotación de recursos minerais en Galicia/España ou O biomaterial do futuro e o uso de indicadores nos ríos.
No eido da física e química, o catálogo inclúe Física re-recreativa; Química, zurda ou destra?; Un día coa química e Nanociencia e nanotecnoloxía. Tamén existe unha ampla oferta de temáticas relacionadas coa tecnoloxía, como: Que se fai na informática industrial?; Intelixencia artificial de peto; Materiais intelixentes e outras aplicación; Aplicacións da termografía infravermella; Minaría espacial: Un reto ou unha realidade; Seguridade en dispositivos móbiles; Internet das cousas (IoT); A telefonía móbil e o seu camiño cara ao 5G; Tecnoloxía láser aplicada á conservación do patrimonio construído; Incendios forestais de sexta xeración e as ferramentas tecnolóxicas para previlos e obtención de biodiésel a partir de algas.
No ámbito da economía, os institutos teñen á súa disposición as charlas Que estudan os/as economistas?; o PIB: a magnitude estrela dos/as macroeconomistas; economía circular e novos modelos de negocio; economía circular: alén da reciclaxe; economía para todos e todas e economía de mercado e controller: o/a ex-malo da película.
Nas ciencias sociais poden elixir entre Patrimonio cultural e turismo; Da mente á pantalla ou como facer un videoxogo; como axudar a mellorar a sustentabilidade global hackeando a sociedade?; comunicación e dereitos humanos; e-innovación. A innovación na era dixital e márketing 4.0: a mercadotecnia na era dixital.
No eido da lingüística e a literatura pódese elixir entre contidos moi diversos como Linguas e xestos: desafío nos estudos da linguaxe e a comunicación; a comunicación xestual e as linguas de signos; o estudo das linguas e literaturas no mundo contemporáneo; a dama do pé de cabra: unha lenda popular desde a Idade Media ata os nosos días; do literario ao visual: as linguas estranxeiras para analizar a arte; xogando a inventar palabras: os neoloxismos na lingua galega e cinco claves para unha comunicación eficaz.
A oferta complétase con relatorios sobre o proceso penal de menores e proceso ante o tribunal do xurado; a zoonoses no medio rural e urbano de Galicia; a muller na antigüidade grega e conservación da arte urbana.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.