A UVigo celebra San Tomé defendendo a universidade pública e coa mirada posta nos retos futuros

Con este acto a institución inaugura as celebracións do seu 30 aniversario
Publicado por o día 29/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A UVigo celebra San Tomé defendendo a universidade pública e coa mirada posta nos retos futuros

Premiando o traballo de preto de 150 alumnas e alumnos excelentes, facendo unha firme defensa da universidade pública, repasando os principais logros acadados en 2019 e botando a ollada aos retos aos que se enfrontará a institución nos vindeiro anos. Así celebrou este martes a Universidade de Vigo o seu patrón, San Tomé de Aquino, unha celebración que este ano serve tamén para inaugurar as celebracións do 30 aniversario dunha institución que, como salientou o reitor, Manuel Reigosa, se sente orgullosa do traballo realizado e comprometida cos retos aos que se enfrontará nos vindeiro anos, desafíos entre os que o reitor situou a captación de novo alumnado, tanto a nivel nacional como internacional; a renovación do cadro de docentes, pensando sobre todo na fichaxe de talento feminino, e a aposta decidida pola igualdade.

Nun repleto salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e coa participación de numerosas autoridades académicas e políticas, entre elas a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, entregáronse en total 23 premios extraordinarios de doutoramento, 45 premios extraordinarios de grao, 60 premios de excelencia para o estudantado que comezou neste curso os seus estudos universitarios e 15 para os que comezaron un mestrado, así como seis premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster.

Reivindicación, balance e retos: as claves do discurso do reitor

Mesturando a palabra coa proxección de varias pezas audiovisuais, o reitor da Universidade de Vigo iniciou o seu discurso asegurando que hoxe “é un día de ledicia no que cómpre poñer en valor o traballo feito durante o ano 2019”. Reigosa, que comezou a súa intervención trasladando os seus parabéns ás e aos estudantes premiados, aos que agradeceu os seus esforzos e desexoulles “o mellor nas vosas andainas profesionais”, lembrou que neste 2020 a Universidade de Vigo cumpre “30 anos facendo universidade no sur de Galicia”, un período no que a universidade pública española acadou niveis de calidade internacional. Neste sentido, Reigosa gabou a capacidade do sistema público de educación superior fose quen de formar “magníficos egresados con capacidade crítica e profesional, que serán quen, se se lles deixa e axuda, de tecer un futuro mellor para a sociedade”. Ademais de lembrar que o SUG foi quen, case sen axuda, de asumir o reto de Boloña, o reitor da UVigo destacou a capacidade do sistema universitario español e galego de xerar coñecemento, e no caso concreto da Universidade de Vigo de “incorporarse á competencia, ocupando lugares relevantes nas clasificacións internacionais. Estamos entre as mellores universidades novas do mundo e isto é grazas ao esforzo dos nosos investigadores”, dixo Reigosa, que reiterou que a transferencia está no ADN da institución que dirixe, “pero aspiramos a máis”.

O reitor vigués recoñeceu o logro do sistema español de ciencia e tecnoloxía situándose entre os 11 primeiros do mundo, ao tempo que lamentou a ausencia de universidades españolas entre as 100 primeiras no ámbito internacional. “Existen eivas no financiamento do noso sistema universitario. O investimento en I+D despois de moitos anos achegándonos ás cifras esperables, segue a ser cativo e non está ao nivel que lle corresponde ao noso país pola súa capacidade. Precisamos máis axudas, máis flexibilidade e máis autonomía”, asegurou Reigosa, que a continuación gabou o bo facer do SUG, por ser quen acadar un elevado nivel de formación dos seus egresados, así como en investigación e transferencia, ademais de axustar a oferta de titulacións á demanda social. “Con prezos públicos moi baixos somos quen de que as galegas e galegos estuden preto da casa”, dixo o reitor.

Os eloxios ao SUG foron a antesala no discurso de Reigosa ao seu rexeitamento á implantación en Galicia dunha universidade privada. O reitor vigués asegurou que non se detecta nin falta de titulacións, nin de prazas e que aspiran a que os esforzos dos cidadáns a través dos seus impostos vaian encamiñados a reforzar o sistema público. “Por iso insistimos ás institucións públicas que poñan na axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía para que o SUG sexa cada día un pouco máis forte e poida aspirar a ocupar posicións de privilexio na escena internacional. Estamos convencidos de que iso redundará nunha mellora das capacidades e de funcionamento da sociedade galega”, afirmou Reigosa.

Tras esta demanda, Reigosa deu paso á proxección de tres pezas audiovisuais (Avances en positivoO lugar onde cremos nas persoas e Investigación), que foi alternando cunha sucesión de imaxes, nas que se recollían algúns dos fitos destacados do último ano, como a maior oferta de emprego do PDI dos últimos tempos; as 280 horas; a medida aprobada para paliar a brecha de coidados; a posta en servizo das salas de lactación nos tres campus; a incorporación dos graos en Relacións Internacionais e o dual en Enxeñaría da Automoción ao catálogo de titulacións; ou a aprobación do maior orzamento da historia da UVigo. Coa vista posta no futuro, o reitor aproveitou a súa intervención para reiterar os que considera neste intre principais retos da institución: a captación de estudantado e a procura de novas e novos docentes para rexuvenecer o cadro de persoal.

Historias de premiadas e premiados

As premiadas e premiados acudiron ao acto orgullosos pola satisfacción do traballo ben feito e satisfeitos de que a institución na que se formaron, ou están aínda formándose, recoñeza deste xeito o seu esforzo e valía. Entre os casos máis particulares está o da profesora axudante doutora na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, Mª Victoria Carrera, que hoxe recolleu o seu segundo premio extraordinario de doutoramento acompañada polos seus familiares e o director da súa tese, o profesor Xosé Manuel Cid. “Empecei no mundo da investigación sendo moi nova e no 2010 xa defendín unha primeira tese de doutoramento sobre o bullying”, explicaba Carrera intres antes de recoller o premio. “Na miña segunda tese traballei sobre os discursos e as prácticas de outredade en alumnado de secundaria portugués e galego, tanto en relación á identidade de xénero como á etnia”, engadiu a investigadora, para a que este premio supón “un paso máis na miña carreira”. Chegado tamén desde o campus de Ourense, o titulado en Enxeñaría Informática Miguel Ferreiro, un dos galardoados cos premios extraordinarios de grao, recoñecía que “despois destes catro anos, que che recoñezan o mérito de levar cada o día o traballo feito e de aprobar os exames con boas notas, dá ánimos para seguir esforzándose”. Alumno do mestrado en Enxeñaría Informática e integrante do grupo Sing da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Ferreiro busca orientar a súa formación cara a investigación e realizar estudos de doutoramento engadía nese senso que “estar aquí é unha honra”.

Entre os galardoados e galardoadas neste acto figuraban tamén as e os estudantes recoñecidos cos premios de excelencia académica que no presente curso inicia estudos de grao e mestrado. Entre os primeiros atopábase Javier Español Alfonso, alumno do grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación, que ve nesta distinción “un recoñecemento ao traballo que fixen no bacharelato” e que admitía a súa satisfacción por como están transcorrendo os seus primeiros meses como estudante da EE de Telecomunicación. “De momento todo vai moi ben”, salientaba este alumno, quen admitía que as moitas “saídas que existen” nun ámbito “en expansión” fan que aínda no teña claro en que eido profesional lle gustaría orientar o seu futuro profesional. O sector da moda, por outra banda, constitúe o ámbito no que buscará centrar a súa carreira a alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Sabela Juncal, que recibiu neste acto tanto o premio de excelencia académica de mestrado como o extraordinario de fin de grao, como titulada en Publicidade e Relacións Públicas. “Penso que é importante recoñecer os bos expedientes, pero tamén que os premios deberían ter unha dotación económica maior”, salientou Juncal, que incidía en a que, con independencia que “no mundo laboral non sei ata que punto son importantes”, este tipo de recoñecementos “animan a seguir estudando”.

Durante o acto tamén subiu a recoller os seus galardóns o alumnado distinguido na sexta convocatoria dos Premios Egeria, de inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado. Entre os seis premiados e premiadas estaba este martes Denise Pena, egresada da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, galardoada polo seu traballo fin de grao Evas, virxes e máis eu. Nel, explicou, quixo abordar “a dicotomía María-Eva e como ese estereotipo segue marcando as nosas vidas desde hai 2000 anos”, retratando para iso ás súas compañeiras de piso en poses idealizadas, como as da publicidade e obras de arte, e rodeadas de mensaxes de carácter reivindicativo e satírico. “Estou moi contenta de recibir este premio, pois non me quedara con todo o bo sabor de boca que debería ao presentar este traballo”, indicou a galardoada, pondo o aceno na dificultade de evitar os estereotipos de xénero mesmo na maneira de reivindicar a igualdade.