A UVigo pon a disposición dos seus centros 150 prazas para a realización de exames no edificio de Zona Franca en López Mora

Por mor da covid tamén se habilitarán outros tantos espazos no pavillón do campus vigués
Publicado por o día 09/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A UVigo pon a disposición dos seus centros 150 prazas para a realización de exames no edificio de Zona Franca en López Mora

Aquelas escolas e facultades do campus de Vigo que por mor da covid precisen máis espazo do que actualmente teñen para a realización de exames, poderán dispor nas próxima semanas de entre 140 e 150 prazas no edificio da rúa López Mora que albergaba o centro de informática de Caixanova e que agora é propiedade de Zona Franca. A Universidade de Vigo “deslocalizará” así a realización de exames fóra dos centros do campus de Marcosende co obxectivo de garantir a seguridade da comunidade universitaria durante a realización das probas, evitando por unha banda, que os exames “poidan ser un foco de contaxio e que haxa tanta xente subindo ao campus, ao mellor en autobuses máis ou menos ateigados”, dixo este mediodía o reitor.

Manuel Reigosa, xunto ao vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, visitou xunto ao alcalde de Vigo, o delegado de Zona Franca e a presidenta da Deputación de Pontevedra, un dos inmobles que o consorcio adquiriu a Abanca e no que nas próximas semanas se realizarán os exames da primeira convocatoria do curso 20/21. Ademais da planta do edificio que no seu día acolleu o centro de informática de Caixanova e ao que a UVigo achegará as cadeiras, mesas e medidas de seguridade precisas para a realización dos exames, as probas tamén se poderán realizar no pavillón universitario do campus vigués, no que se habilitarán outras 150 prazas.

Avanzando na construción dun campus no centro de Vigo

Á espera das solicitudes que para a realización de exames fagan os centros, o reitor agradeceu a disposición de Zona Franca a ceder un espazo no seu inmoble de López Mora, que tamén, segundo avanzou Reigosa, se poderá utilizar para a preparación das probas. “Está no centro da cidade nunha ubicación excelente e vai permitir que os desprazamentos se poidan facer a pé e cumprindo todas as distancias de seguridade. Para nós é importante contar con este espazo durante este tempo covid dentro da cidade”, sinalou Reigosa, que cree que conta con que neste lugar se realicen exames de diferentes materias e distintas titulacións.

Despois que o delegado de Zona Franca, David Regades, lembrase o por mor a covid “os exames que antes precisaban de dúas aulas para ubicar 100 estudantes, agora necesitan oito”, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificase esta cesión como “un enriquecemento para o estudantado e o conxunto da cidade”, o alcalde amosou a súa satisfacción por un acto que dixo, estaba cargado de simbolismo e expectativas. “Temos que ir avanzando para constituír un campus centro nesta zona. Xa está a Escola de Enxeñaría Industrial, a Facultade de Comercio, tamén a UNED, e cerca faremos a biblioteca do Estado e gustaríame que os edificios dos xulgados actuais pasaran á Universidade e que os tivera para a súa propia acción na cidade”, dixo Caballero, que reiterou o seu apoio e cooperación desde a presidencia de Zona Franca e desde o Concello coa institución académica.

A UVigo preparada para os exames en liña, caso de ser preciso

Na súa comparecencia deste mediodía o reitor tamén se referiu á petición realizada a través de Change.org por un grupo estudantes das tres universidades na que solicitan a realización de exames telemáticos ante a evolución que está a experimentar a pandemia nos últimos días. Reigosa asegurou que os representantes do alumnado da UVigo nunca pediron tal cousa “e se a piden estudarase se realmente a situación da pandemia fai necesario facer exames en liña”. O reitor lembrou que a UVigo está preparada por se se produce unha situación sanitaria que esixa pasar os exames á modalidade en liña, “xa o fixemos o curso pasado, pero nós entendemos que os exames ideais son os presenciais e contar un espazo grande como é este de López Mora, permítenos facelos gardando todas as medidas de seguridade, porque un exame non pode ser un foco de contaxio”, asegurou Reigosa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.