A Xunta aglutina por primeira vez todos os contidos do universo da Xeración Nós nun mesmo portal web

Román Rodríguez destacou que esta nova ferramenta actualiza o legado do grupo de intelectuais para adaptalo ao século XXI e atraelo a novos públicos
Publicado por o día 16/12/2020 na sección de Cultura

A Xunta aglutina por primeira vez todos os contidos do universo da Xeración Nós nun mesmo portal web

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron hoxe na Cidade da Cultura a web da Revista Nós que aglutinará nun único portal todos os contidos vencellados co grupo de intelectuais que revolucionou a Galicia do seu tempo ensanchando as nosas fronteiras culturais.

Durante a presentación, o titular de Cultura e Educación destacou que esta nova ferramenta permite actualizar o legado da Xeración Nós para adaptalo ao século XXI e atraelo ata os nosos días e chegar así a novos públicos. “O grupo de intelectuais que formou parte da Xeración Nós foi clave no desenvolvemento cultural de Galicia. Representan as orixes do que somos hoxe en día e por iso cómpre recoñecer e actualizar o seu legado con proxectos como o que hoxe presentamos”, afirmou Román Rodríguez.

Neste sentido, o conselleiro explicou que a nova plataforma web toma como referencia a información e as imaxes proporcionadas por Galiciana, a biblioteca de dixital de Galicia, para presentala dun xeito innovador e moi visual a través dun grafo de coñecemento. “Esta novidosa ferramenta convida aos usuarios a mergullarse na historia da Revista Nós e na traxectoria deste grupo de intelectuais a través dunha liña de tempo que abrangue máis de 90 anos de historia”, detallou antes de engadir que se trata da primeira vez que todos os contidos do universo Nós aparecen aglutinados nun mesmo portal web.

Mar Pereira, pola súa banda destacou que a aplicación de técnicas innovadoras baseadas na Intelixencia Artificial, coñecidas como grafo de coñecemento, permiten navegar polos contidos da revista e achegarnos ao seus autores modo de relato histórico enlazando os fitos históricos que marcaron a súa época.

A directora da Amtega sinalou que se seguirá apostando por esta técnica a posta en marcha do proxecto Galiciana Semántica, unha canle aglutinadora do patrimonio galego que transforme o modo de consumo dos materiais que integran o patrimonio cultural galego. É unha das iniciativas enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030, aprobada recentemente polo Goberno galego, para avanzar na transición dixital da Comunidade na vindeira década.

Cooperación institucional

Para facer realidade este proxecto, a Xunta de Galicia contou coa colaboración de institucións como a Deputación de Ourense, a Real Academia Galega ou algún dos herdeiros do grupo de intelectuais que conformou a Xeración Nós. Colaboradores, todos eles, determinantes para enriquecer este proxecto e dispoñer de todos os materiais que se poderán ver desde hoxe na web.

A iniciativa presentada nace coa vontade de ser un proxecto vivo que continúe medrando ao longo do tempo grazas á cooperación doutras institucións e da propia sociedade e non unicamente para recompilar e achegar á sociedade o enorme legado da Xeración Nós. A este respecto, o titular de Cultura sinalou que o obxectivo deste espazo é seguir “descubrindo e estruturando o universo de Nós para que o legado deste grupo de intelectuais que traballou sempre a pol da nosa cultura e da nosa terra continúe máis vivo ca nunca”.

Programa de actividades

A creación desta páxina web enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.

Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa Galicia, de Nós a nós, a gran mostra sobre a Xeración Nós que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas procedentes de España, Francia, Alemaña e Portugal e que desde a súa inauguración, o pasado mes de outubro, xa foi visitada por máis de 10.000 persoas de xeito presencial. A esta cifra súmanse os preto de 3.000 estudantes que se achegaron ao legado de Nós a través das novas tecnoloxías grazas aos percorridos virtuais para centros educativos. En total, participaron nesta actividade 50 centros de toda a Comunidade.