A Xunta amplía a alerta laranxa vixente por vento que pode acadar refachos que superen os 120 km/h nalgunhas zonas da comunidade galega

Ademais, esténdese a alerta por vento ao interior de Lugo e ao noroeste de Ourense, estando o resto da comunidade en nivel amarelo
Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Xunta amplía a alerta laranxa vixente por vento que pode acadar refachos que superen os 120 km/h nalgunhas zonas da comunidade galega

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta informa que se amplía a alerta laranxa por vento vixente na nosa comunidade ao interior de Lugo e ao noroeste de Ourense, e ademais esta tarde espéranse refachos de vento que poden superar os 120 km/h nalgunhas zonas da comunidade.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do sur ou suroeste que poden superar os 120 quilómetros por hora e que afectarán a partir das 16 h de hoxe a algunhas zonas da nosa comunidade. As zonas afectadas son as provincias da Coruña e Pontevedra, interior e Mariña de Lugo e noroeste de Ourense. No resto da comunidade o nivel de alerta será amarelo.

Segue activada a alerta por temporal costeiro de nivel laranxa no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito. E a alerta laranxa por chuvias intensas e persistentes durante toda a xornada de mañá no oeste, no interior e no suroeste da provincia da Coruña, onde se esperan precipitacións acumuladas de ata 90 mm en 12 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Suspensión das actividades no exterior

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender hoxe as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por Meteogalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra, A Coruña e a Mariña de Lugo.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de instar á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas. A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se produza incidencia algunha nas instalacións.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.