A Xunta dá a coñecer a guía de recursos fronte á violencia de xénero a colectivos e profesionais da área de Vigo deste ámbito

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial, Corina Porro, reuníronse con representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIMs)
Publicado por o día 20/02/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta dá a coñecer a guía de recursos fronte á violencia de xénero a colectivos e profesionais da área de Vigo deste ámbito

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, deron hoxe a coñecer, nun encontro con colectivos e profesionais no ámbito da loita contra a violencia de xénero que traballan na área territorial de Vigo, a primeira guía de recursos existentes en Galicia fronte esta lacra.

Un documento pioneiro, no que se recollen os equipamentos e recursos destinados a mulleres vítimas de violencia de xénero, no que se poden consultar todos os recursos dispoñibles organizados por áreas (psicolóxica, social, sanitaria, xurídica, económica, laboral ou protocolos de actuación) que están tamén xeoreferenciados na páxina web da Xunta de Galicia, cun mapa de localización dispoñible na opción “Eservizos: Servizos no mapa”: https://www.xunta.gal/servizos-no-mapa.

Esta guía pretende achegar información dos recursos existentes en Galicia no eido da violencia de xénero a calquera persoa ou entidade interesada, así como facilitar e axilizar o traballo das e dos profesionais que na nosa Comunidade acompañan e apoian ás mulleres que sofren violencia de xénero, concentrando nunha única ferramenta a descrición dos servizos e programas e os contactos das entidades que integran a rede galega de apoio a vítimas.

Así, entre outros recursos, recóllese a existencia de 82 CIMs noutros tantos concellos galegos, dos que 10 se atopan na área territorial de Vigo; un centro de recuperación integral emprazado en Santiago de Compostela; centros de acollida e o teléfono 900 400 273 de carácter gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día durante os 365 días do ano.

Neste contexto, a delegada territorial, quen gabou a implicación de López Abella nesta causa que dixo “é a de todas e un dos maiores problemas da desigualdade e a violencia que sufrimos”, sinalou que ningún poder público pode permanecer o marxe da loita continua por erradicala. “É verdade que a a violencia non se evita exclusivamente coa lexislación na man”, indicou para engadir que “o papel de sociedade no seu conxunto é esencial para conseguir eliminala”.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade considerou que o coñecemento dos recursos existentes a disposición das vítimas e das súas fillas e fillos “é clave para lograr un acceso igualitario aos mesmos e para mitigar, na medida da posible, as terribles situacións que a violencia de xénero orixina”. Asemade, subliñou que a publicación deste texto demostra o esforzo e o labor da Xunta de Galicia a prol das vítimas desta lacra e da construción dunha sociedade igualitaria e libre de violencia machista.

O encontro, no que tamén estivo presente a subdirectora xeral da Xunta para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste Lazara, contou coa participaron de representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIMs) da área territorial de Vigo, entre outros colectivos.