A Xunta de Galicia iniciará o vindeiro curso nas escolas infantís da Galiña Azul con máis de 8.200 nenas e nenos admitidos

As peticións de novo ingreso representan o 60% das solicitudes, mentres as renovacións supoñen o 40% restante
Publicado por o día 20/07/2020 na sección de Educación,Xunta de Galicia

A escolas infantís de 0 a 3 anos da rede autonómica A Galiña Azul abrirán o vindeiro curso escolar 2020/2021 con 8.200 nenas e nenos con praza, o que supón o 76% das 10.800 solicitudes presentadas con toda a documentación requirida e 300 admitidos menos que no presente curso. A listaxe definitiva pódese consultar nas páxinas web do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e na da Consellería de Política Social.

Ademais, a listaxe de nenas e nenos en agarda sitúase en 1.700 nenas e nenos, 1600 menos que no período anterior. As familias que queden sen praza pública poderán beneficiarse do Bono Concilia, axuda directa que lles permitirá contar con apoio económico para levar ás súas fillas e fillos á escola infantil que escollan. Tamén cómpre indicar que o 60% das solicitudes presentadas correspóndense con novos ingresos e as 40% restantes son de renovación.

A distribución por provincias dos admitidos é a seguinte: 3428 nenas e nenos en escolas da Galiña Azul da Coruña, 3065 nas que hai en Pontevedra, 864 nas de Ourense e 868 nos centros da Xunta en Lugo. Ademais, indicar que no conxunto da rede autonómica hai admitidos 26 menores de 0 a 3 anos con necesidades especiais,882 pertencentes a familias numerosas e 345 a familias monoparentais.

O prazo para a formalización de matrícula abre mañá martes ata o 30 de xullo. As familias deberán achegar o impreso da matrícula cuberto e unha copia da cartilla de vacinacións da nena ou neno.

Novidades

No vindeiro curso haberá dúas grandes novidades. En primeiro lugar, este será o primeiro curso completo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos na atención educativa. En segundo lugar, en cada unha das sete principais cidades de Galicia polo menos unha escola infantil pública autonómica ampliará o seu horario de apertura ata as oito da tarde, co fin de mellorar a conciliación das familias.

Cómpre indicar que as prazas públicas da rede autonómica e as contratadas en escolas privadas compleméntanse coas prazas que a Xunta financia en escolas de iniciativa social e a través do Bono Concilia, así como coas que dependen dos concellos.