A Xunta destaca en Vigo a importancia de divulgar os valores do cooperativismo entre os escolares galegos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá na actividade ‘Almorzos Cooperativos’, impulsada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) no marco da Rede Eusumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria
Publicado por o día 10/03/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta destaca en Vigo a importancia de divulgar os valores do cooperativismo entre os escolares galegos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou esta mañá, no CEIP Otero Pedrayo de Vigo, na actividade Almorzos Cooperativos, impulsada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) no marco da Rede Eusumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, onde destacou a importancia de promover os valores da Economía Social entre os escolares galegos.

A actividade, na que participaron 36 alumnos de 3º e 4º de primaria, consistiu nunha sesión
teórico-práctica, na que se reforzaron os coñecementos sobre unha alimentación saudable que se completou coa degustación dun almorzo equilibrado con froita, leite e pan con aceite; explicouse o cooperativismo a través de xogos deseñados para promover o traballo en grupo; e repartiuse material didáctico sobre a produción alimentaria e a nutrición.

Ademais, Agaca e a Rede Eusumo poñen en marcha un concurso de microrrelatos dirixido a escolares de segundo ciclo de primaria para fomentar a escritura e promover o interese polo cooperativismo. Os centros interesados en participan poden consultar toda a información en www.agaca.coop.

A secretaria xeral amosou o apoio da Consellería a este tipo de actividades que pretenden achegar a Economía Social a toda a poboación. Así, a Comunidade conta cunha Estratexia neste eido, que forma parte da Axenda20, e que pretende sumar capacidades, implicando a colectivos como as mulleres, a mocidade e os veciños do rural; sumar sustentabilidade para o crecemento e consolidación de empresas; e sumar identidade para mellorar o coñecemento e sensibilizar sobre a importancia da economía social.