A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá que o Carné Xove será enviado de xeito gratuíto ao domicilio do 100% das mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos. Trátase dunha das novidades desta tarxeta que se presentaron hoxe no Espazo Xove de Noia e que beneficiará ao total das 400.000 rapazas e rapaces galegos.
A conselleira destacou que o Carné Xove tense convertido “na identidade dunha etapa vital”, como é a xuventude, ao prestar descontos e axudas para eventos culturais, aloxamento, transporte, comercio ou servizos educativos. Neste novo paso, o Goberno galego busca facelo máis accesible, adaptalo aos novos tempos e eliminar atrancos para a súa obtención. As mozas e mozos comezarán a recibir o novo Carné Xove, cun deseño renovado, a partir do próximo mes de xaneiro. Unha vez o reciban nas súas casas, tan só terán que activalo nun dos centros habilitados para desfrutar das súas vantaxes.
Outra das novidades é que se suprimirán as taxas para a súa renovación, que actualmente son de seis euros. A súa vixencia pasará a ser indefinida, en lugar de caducar cada dous anos, de xeito que o carné será válido ata que o seu titular cumpra os 30 anos. Tamén se impulsará o comercio local a través dun convenio coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia que permitirá adherir ao programa establecementos de proximidade. Así mesmo, poñerase en marcha unha nova aplicación móbil que permitirá acceder a un listado de descontos e promocións xeolocalizados.
Apoio á xuventude
Fabiola García sinalou que o Goberno galego continúa apoiando á xuventude para que poidan facer realidade os seus proxectos e soños. Neste sentido, puxo como exemplo os Premios Talento Mozo, que recoñecen a traxectoria da mocidade galega; o programa Xuventude Crea, que cada ano descobre novos talentos en 14 categorías artísticas; ou as actividades e axudas que se ofrecen desde os distintos Espazos Xoves de Galicia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.