A Xunta incrementa nun 20% as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios ata os 6 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente orde coas bases e a convocatoria destas achegas
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

A Xunta incrementa nun 20% as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios ata os 6 M€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios e se convocan estas achegas para o ano 2021. A dotación destas subvencións é de seis millóns de euros, cantidade un 20% superior á destinada a esta mesma finalidade no pasado ano 2020. A Xunta concederá estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 e de liñas gandeiras dos plans 2020 e 2021, formalizadas este ano. Tamén poderán recibir estas achegas os titulares de explotacións de acuicultura continental. Contémplanse, así mesmo, os seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións.

Con respecto ao prazo de presentación de solicitudes, nos diferentes anexos da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguros correspondentes ás distintas liñas que compoñen o Plan de seguros agrarios. As datas abarcan desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro, segundo a liña de seguro da que se trate, así como do tipo de produción asegurable. A formalización da correspondente póliza ou contrato de seguro pola persoa asegurada considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición estipulados pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A contratación da póliza constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas.

Coa aprobación destas axudas -e co incremento da súa dotación para 2021-, a Administración autonómica consolida o seguro agrario como ferramenta eficaz e fiable diante dos riscos naturais no sector, permitindo aos agricultores e gandeiros a obtención de rendas dignas en caso de sinistros e aportando estabilidade á xestión das súas explotacións.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210114/AnuncioG0426-281220-0003_gl.html