A Xunta completou a semana pasada a incorporación presencial do persoal nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro nas sete cidades galegas. Para evitar aglomeracións e organizar de forma axeitada a atención ao público, o Goberno galego lembra a necesidade de solicitar cita previa neste período de apertura tras o peche ocasionado pola crise sanitaria da covid-19.
Así, a atención presencial seguirá realizándose coa solicitude de cita previa na web www.xunta.gal/cita-previa e debe pedirse cun mínimo de 24 horas de antelación. Nesta aplicación pódese reservar día e hora dentro do horario das oficinas de rexistro nas que a persoa solicita ser atendida. Ademais, a cita previa tamén pode realizarse chamando ao teléfono 012.
Este sistema de cita previa está a contribuir a reducir a concentración de persoas e a minimizar os riscos de exposición no acceso aos edificios administrativos da Xunta. Ademais, supón para os particulares a libre elección do día e hora para aforrar tempo, xunto cunha atención e un asesoramento personalizado e, polo tanto, unha mellor prestación do servizo.
Debido a estas vantaxes, apreciouse un crecemento do uso desta vía cun total de 1.100 solicitudes diarias de citas entre os sete rexistros dos edificios administrativos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela contabilizadas ata comezos desta semana.
A través deste sistema pódese solicitar cita para trámites como a presentación de documentos para a súa dixitalización e envío telemático, a obtención do certificado de persoa física da Fábrica da Moeda e Timbre ou dunha copia electrónica dun documento, así como da notificación de calquera resolución ou documento da Xunta dirixido a un particular.
Tamén se pode reservar cita para a obtención da Chave365, un sistema que permite a identificación sen necesidade de certificado electrónico e a sinatura dixital ante a Xunta e o acceso a distintos servizos.
A Chave365 é un servizo moi demandado desde a súa implantación pero cun notable incremento este ano coa apertura dos rexistros das solicitudes de acreditacións de particulares para a xestión telemática de trámites, debido ás vantaxes e comodidades no seu uso evitando a presenza física e coa mesma efectividade. Deste xeito, en abril deste ano había 213.974 acreditacións concedidas, case un 50% máis que as 145.500 do mesmo mes do ano pasado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.