A Xunta pon en marcha o blog ‘O centro de día na casa’, que permite aos usuarios manterse en contacto e activos

Esta proposta vai dirixida ás persoas maiores que desde o 13 de marzo non poden acudir a estes centros
Publicado por o día 17/05/2020 na sección de Galicia,Social,Xunta de Galicia

A Xunta pon en marcha o blog ‘O centro de día na casa’, que permite aos usuarios manterse en contacto e activos

A Xunta de Galicia puxo en marcha o blog O centro de día na casa que achega guías de coidados e actividades para mente e corpo aos usuarios de centros de día cuxas instalacións están pechadas desde o pasado 13 de marzo por mor da emerxencia sanitaria do COVID-19.

Os contidos foron desenvoltos polos profesionais do departamento de Xerontoloxía dos centros de día da Consellería de Política Social, co obxectivo de que as familias teñan á súa disposición materiais necesarios para que os maiores continúen as actividades que realizaban nos centros desde a casa e teñan un método de entretemento e envellecemento activo.

As actividades están centradas na estimulación cognitiva, en compartir experiencias e anécdotas e realizar exercicio físico. En definitiva, pretende reproducir en pequena escala o día a día das persoas maiores que acudían a estes centros desde a súa casa e coa axuda dos seus familiares.

Durante este tempo de emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia realizou un seguimento diario dos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacionais. Unha medida que se enmarca dentro do Plan social de continxencia elaborado polo Executivo autonómico.

Así mesmo, tamén se puxo en marcha o blog A escola infantil na casa que achega contidos e actividades ás familias con nenas e nenos máis pequenos. Esta iniciativa procura que as nais e pais galegos teñan acceso a xogos, pautas e propostas para entreter aos seus fillos e que continúen aprendendo durante esta etapa de confinamento.