A Xunta vén de recibir 8 ofertas para executar as obras do Centro Integral de Saúde de Lalín, cun investimento de 9 millóns de euros.
Destas 8 ofertas presentadas, 4 delas están conformadas por UTE que agrupan a 12 empresas.
As obras comezarán na primavera e axilizaranse de forma que o novo equipamento estea ao servizo dos veciños de Lalín e da comarca do Deza antes de que remate 2022 .
Os traballos consistirán na construción dunhas instalacións que reforzarán a atención aos veciños de Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada, ademais de prestar determinadas asistencias aos concellos de Silleda e Vila de Cruces, servindo a unha poboación de 35.000 persoas.
Construirase un edificio de máis de 5.700 metros cadrados, cunha superficie útil de máis de 4.900 metros cadrados, que se distribuirán en catro andares, dos cales tres se dedicarán ao centro de saúde e un ao Punto de Atención Continuada (PAC).
O novo equipamento sanitario disporá de área asistencial, con 11 consultas de medicina, 11 de enfermería, 1 consulta de farmacia, 2 consultas de odontoloxía, sala de técnicas, mostras e varias polivalentes; tamén área de especialidades, con 4 consultas, 2 de enfermería e 3 gabinetes de exploración; área pediátrica, con 3 consultas, 2 de enfermería e 1 sala de atención integral; ademais de área de hospitalización a domicilio, atención á muller, rehabilitación, telemedicina, diagnóstico por imaxe ou hemodiálise; e o punto de atención continuada (PAC), que disporá de 3 consultas, sala de críticos, sala de observación e 5 dormitorios.
A posta en marcha do Centro Integral de Saúde de Lalín permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria, activar o servizo de rehabilitación cardíaca, de solo pélvico e de enfermidades músculo-esqueléticas.
As instalacións disporán dunha área de servizo de transporte sanitario con soporte vital básico, espazos comúns, de persoal, administración e arquivo.
O edificio contará cun deseño funcional pero tamén esteticamente coidado e integrado na contorna, que segue un esquema sinxelo, con dous patios interiores a modo de claustro nos que se envorcan as zonas de espera e de circulación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.