A Xunta subvenciona con 675.000 euros unha trintena de proxectos de entidades centrados na inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución desta orde de axudas que se prevé que beneficie a máis de 600 persoas
Publicado por o día 29/10/2019 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Xunta subvenciona con 675.000 euros unha trintena de proxectos de entidades centrados na inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade

A Consellería de Política Social resolveu a concesión de subvencións por un montante global superior aos 675.000 euros a federacións e entidades de iniciativa social para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade ao longo deste ano e de 2020. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica o listado das organizacións, as propostas e contía das achegas que recibirán ao abeiro desta orde de axudas, cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

En total son 16 as entidades que recibirán esta subvención para levar a cabo no seu conxunto 28 iniciativas, das que se prevé que se beneficien máis de 600 persoas. Entre estas organizacións están a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes), a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Fapxg), Down, Fademga Plena Inclusión, Amicos ou Integra, entre outras.

Todas estas iniciativas apoiadas economicamente pola Xunta de Galicia céntranse en accións de apoio ás necesidades educativas que faciliten a plena integración nos sistemas de educación ou formación, así como a adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades da vida cotiá que permitan unha preparación para a futura inserción sociolaboral.

A Administración autonómica adiantará nun primeiro pagamento o 60% da contía da subvención concedida, coa finalidade de facilitar a materialización dos seus proxectos ás entidades.