ABANCA presenta ás confrarías da ría de Vigo a súa nova oferta financeira para renovación de flota e proxectos sostibles

A entidade financeira explica aos patróns maiores do sur de Galicia o seu plan de financiamento para a modernización de barcos e o apoio de investimentos de mellora da sostibilidade pesqueira
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Galicia,Mar,Vigo

ABANCA presenta ás confrarías da ría de Vigo a súa nova oferta financeira para renovación de flota e proxectos sostibles

ABANCA mantivo esta tarde unha reunión de traballo con responsables das principais confrarías de pescadores da ría de Vigo, co obxectivo de reforzar o marco de colaboración estable que mantén con este colectivo. A entidade aproveitou o encontro para presentar as novidades da súa oferta financeira dirixida á cadea de valor do mar, centradas no apoio á renovación da flota pesqueira e a proxectos orientados á mellora da sostibilidade do sector.

Na reunión, celebrada na sede institucional do banco en Vigo, participaron o director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, así como outros representantes da entidade financeira vinculados co negocio do sector pesqueiro. Por parte das confrarías asistiron Iago Soto García, patrón maior da Confraría San Francisco de Vigo; Juan Alberto Cal Dacosta, patrón maior da Confraría Virxe do Carme de Arcade; Silvia María Crespo Campos, patroa maior da Confraría Santa Trega de A Guarda; Clemente Bastos Estévez, patrón maior da Confraría San Xoán de Redondela; Susana González Álvarez, patroa maior da Confraría A Anunciada de Baiona; Jose Manuel Gregorio Vaqueiro, patrón maior da Confraría San Cibrao de Aldán-Hío, e Francisco Javier Costa García, patrón maior da Confraría San Xosé de Cangas.

Novo acordo de colaboración conxunta

Durante o encontro, os sete pósitos asistentes renovaron o acordo de colaboración financeira que manteñen con ABANCA e coñeceron a nova oferta de produtos e solucións de financiamento deseñada pola entidade para atender as necesidades das empresas e profesionais do mundo do mar. O catálogo pon o foco en dar resposta a dous grandes desafíos que ten por diante este sector: a renovación da flota pesqueira e a mellora da sostibilidade.

Tal como explicaron os representantes de ABANCA durante esa mesa de traballo, a entidade ten en marcha, a través da súa unidade especializada ABANCA Mar, un ambicioso plan de financiamento, con produtos específicos como hipotecas navais, préstamos a tipo fixo ou pólizas de crédito deseñados ad hoc para apoiar ao sector nos procesos de construción de novas embarcacións, remodelación ou segunda adquisición de barcos.

Ademais, ABANCA trasladou aos pósitos durante esta reunión o seu compromiso co financiamento de proxectos de investimento que contribúan á mellora da sostibilidade social, económica e medioambiental do sector marítimo-pesqueiro.

A oferta presentada onte tamén inclúe solucións adaptadas para o financiamento de circulante, préstamos para financiar a compra de materias primas en campaña, mareas, pagos de gasóleo ou de dereitos de pesca; anticipos de subvencións ou para facer fronte a paros biolóxicos ou pago de impostos, así como liñas de comercio exterior, leasing mobiliario, avais ou seguros, entre outros produtos. A xornada permitiu a ABANCA coñecer de primeira man a realidade deste sector clave para a economía galega e, especificamente, as inquedanzas das confrarías da ría de Vigo. Coa cita celebrada esta tarde, xa son catro as edicións dunha reunión impulsada pola entidade financeira co obxectivo de traballar de maneira conxunta para dar resposta ás demandas que expón este colectivo.