Aberto o prazo de inscrición na cuarta edición de Youtubeir@s

Pódense presentar todo tipo de vídeos en galego publicados desde o pasado 27 de setembro
Publicado por o día 27/05/2020 na sección de Cultura,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As persoas interesadas en participar na cuarta edición de Youtubeir@s xa poden enviar os seus vídeos. Desde hoxe e ata o vindeiro 23 de outubro manterase aberto o prazo de inscrición nuns galardóns organizados desde as tres universidades galegas, os servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos e a Deputación da Coruña. Este ano, ademais, incrementouse en 1000 euros a dotación económica dos galardóns, acadándose a cifra de 7500 euros en premios, cantidade a repartir entre os 12 traballos gañadores.

Doce categorías

Con estes galardóns búscase, tanto animar a creación audiovisual en galego, como darlle visibilidade á propia comunidade creadora e, así, ‘Expandir a rede’, tal e como reza no lema elixido para este ano. Os 12 premios recoñecerán a mellor canle, o/a mellor youtubeir@ e o mellor vídeo cunha contía de 1.000 euros cada un; e tamén contarán con nove categorías menores nas que premiarase, con 500 euros en cada unha, a calidade lingüística, o impacto, a calidade técnica, a comunicación, a creatividade, a música, a didáctica, o carácter pioneiro e o apoio do público, desaparecendo neste caso as xa tradicionais de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos.

O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que fosen publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019: desde vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos ata vídeoblogues políticos ou vídeo-consellos de moda. No caso de presentar unha canle, esta ten que conter cando menos cinco vídeos, non ter restricións de privacidade e estar maioritariamente en galego. Os vídeos poden conter subtítulos de activación opcional no Youtube noutras linguas e, tanto no caso dos vídeos como no das canles, fican expresamente excluídos os traballos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Ata o  23 de outubro

O prazo para inscribir os vídeos e canles nos Premios Youtubeir@s manterase aberto ata o vindeiro 23 de outubro. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde, podendo cada creador inscribir tantos vídeos ou canles como desexe. As persoas interesadas en participar deben inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal