Aberto o prazo para solicitar axudas para a edición de publicacións impresas e audiovisuais

Para as edicións en papel o máximo subvencionable son 2.000 euros e para o formato audiovisual contémplanse 6.000 euros
Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Aberto o prazo para solicitar axudas para a edición de publicacións impresas e audiovisuais

O BOPPO publica hoxe a convocatoria de axudas para a edición do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico destinada a publicacións tanto en formato impreso como audiovisual. Para esta liña destínase unha dotación orzamentaria de 55.000 euros e subvencionarase un importe máximo para cada edición do 70% do seu orzamento total, que non superará o importe de 2.000 euros no caso de publicacións en papel, nin os 6.000 euros para os traballos audiovisuais. As solicitudes deben realizarse en por vía electrónica e o prazo de presentación permanecerá aberto durante un mes.

As bases establecen que poderán optar a estas solicitudes as entidades xurídicas, colectivos ou particulares que reúnan os requisitos de carecer de fins de lucro e ter domicilio social na provincia de Pontevedra, ou excepcionalmente fóra se se tratan temas de interese provincial. As publicacións subvencionadas deben ser editadas exclusivamente en galego, deben ser de información municipal, provincial ou comarcal, e deberán desenvolverse durante o exercicio 2019.  Quedan expresamente excluídas desta convocatoria as publicacións relativas a partidos políticos, sindicatos ou colexios profesionais; as que pertenzan a asociacións, fundacións ou similares, cando só teñan como destinatarias únicas e exclusivas ás persoas asociadas; e os proxectos que non garantan a igualdade de trato entre os dous sexos.

Tamén establece dúas modalidades. A modalidade ‘ficción’ inclúe traballos audiovisuais que constitúan unha produción allea á propia editorial da Deputación; de banda deseñada que busquen consolidar produtos innovadores de difícil saída comercial; e edicións especiais que teñan relación con efemérides de ámbito supramunicipal e sempre que non teñan cabida no circuíto das editoriais privadas. En canto á modalidade ‘non ficción’ contempla edicións relativas a disciplinas como a arquitectura e urbanismo, danza, escultura, música, pintura –incluíndo catálogos-,  literatura, poesía e teatro, cinema e audiovisual, fotografía e banda deseñada.

En relación co patrimonio inclúe edicións relativas a bens inmobles catalogados ou que se encadren en categorías como monumentos singulares de recoñecida singularidade, xardíns históricos, sitios históricos, xacementos ou zonas arqueolóxicas, vías culturais, lugares de valor etnolóxico, conxuntos históricos, e paisaxes culturais e territorios históricos. En canto ao patrimonio cultural inmaterial contempla a lingua; as tradicións e expresións orais; a toponimia; as artes do espectáculo, representación e xogos; os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos; os coñecementos e usos relacionados coa natureza e universo; e as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

Esta liña de axudas nace da necesidade observada nos últimos anos de atender o elevado número de solicitudes recibidas no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico para a edición de traballos de interese cultural para a provincia, e que non poden ser levadas a cabo desde o Servizo por falta de recursos tanto materiais como humanos.  A través da creación desta nova liña de axudas preténdese, mediante concorrencia competitiva, cubrir a mencionada demanda e apoiar o financiamento dos custos que implica a edición de publicacións nos formatos papel e audiovisual.