Desde hoxe e ata o 15 de abril está aberto o prazo para que entidades sen ánimo de lucro soliciten as axudas para a realización de actividades de dinamización da lingua galega durante o exercicio 2019. Esta liña está dotada cunha partida orzamentaria de 120.000 euros e as solicitudes deben ser presentadas obrigatoriamente por vía electrónica.
Esta liña de axudas, que foi creada no presente mandato polo departamento de Cultura e Lingua, contempla o financiamento de actividades de dinamización do galego en catro apartados: fomento da creación e da difusión cultural en lingua galega, que inclúe certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, e feiras e eventos que promocionen a creación en lingua galega; sociolingüística e toponimia, que engloba estudos e publicacións sobre sociolingüística, e xornadas e publicacións de recuperación da toponimia; fomento do emprego do galego no comercio e na industria, que se orienta cara a promoción de xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega; e recoñecementos e distincións, que se refire a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.
Para a adxudicación destas subvencións, e ao igual que nas anteriores convocatorias, as bases reguladoras contemplan catro criterios. Cunha puntuación de ata 40 puntos, valorarase o orzamento total da actividade; con ata 25 puntos, figura a adecuación da actividade ao interese provincial; con ata 20 puntos, a difusión da actividade, segundo sexa de ámbito local, provincial, nacional ou internacional; e con ata 15 puntos, a porcentaxe solicitada de financiamento.
Para solicitar estas axudas, as persoas físicas e xurídicas deben carecer de fins de lucro e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra -aínda que excepcionalmente poden ser de fóra da provincia se as actividades versan sobre temas de interese para a provincia-. Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPAS nin as asociacións que teñan pendente de xustificar subvencións concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.
Desta convocatoria quedan expresamente excluídas as actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación; os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao longo de todo o ano. Tamén se exclúen as viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares, así como os gastos gastronómicos -agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento-.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.