A Xunta mantén o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e os servizos dos parques empresariais galegos e vén de abrir un total de tres convocatorias de axudas cun orzamento global de 7,9M€ cos que se agarda mobilizar preto de 10M€ e apoiar unha trintena de iniciativas. Deste xeito, os polígonos industriais axudarán a que as empresas xa instaladas gañen en competitividade e contribuirán á captación de novos investimentos industrias en Galicia.
A principal novidade é a oferta dunha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica (ampliación de potencia da subministración eléctrica) á que se destinarán 4,4M€ entre 2020 e 2021. O obxectivo é cubrir a necesidade dos parques empresariais galegos de contar cun abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que acheguen seguridade e calidade ás demandas das empresas instaladas. Así apoiarase que os parques conten con redes coa capacidade adecuada para que as compañías, tanto actuais como as que se asenten no futuro, poidan crecer e ter un servizo de calidade. A intensidade da axuda será dun 80% ata un máximo dun millón de euros por solicitude (cada parque poderá presentar unha solicitude a través do concello no que estea instalado).
Mellores infraestruturas nos polígonos
Por outra parte, a Xunta volve convocar as axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques industriais cun orzamento de 2,5M€. O Goberno autonómico financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén se apoiarán proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos.
A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.
Creación de viveiros industriais
Finalmente, con respecto ao programa para financiar a creación de viveiros industriais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá un millón de euros nesta actuación coa que apoia todos os gastos necesarios para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais co fin de crear un viveiro empresarial. O financiamento alcanzará como máximo o 80% do custo total do proxecto, sendo o límite do apoio de 240.000 euros por solicitude.
Con este conxunto de medidas -que supoñen un incremento do orzamento dun 42% con respecto ao do ano 2019- e cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro 21 de febreiro, o Goberno autonómico busca fortalecer o tecido empresarial e mellorar as infraestruturas da Comunidade impulsando a súa competitividade. Ademais, fará aos parques empresariais e aos viveiros industriais máis atractivos á hora de captar a chegada de novas empresas a Galicia.
Este obxectivo enmárcase na aposta que a Xunta realiza para potenciar a industria a través de iniciativas como a Lei de implantación empresarial e a figura dos Concellos Emprendedores. De feito, estes terán prioridade á hora de acceder ás axudas das tres convocatorias outorgándolles unha maior puntuación nos criterios de valoración.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.