A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), esperase un fenómeno adverso de nivel laranxa por temporal costeiro desde a tarde de hoxe na Mariña lucense por vento do oeste forza 8 mar adentro e mar combinada do noroeste de ata 6 metros e aumentando a 7 metros mar adentro. Ademais, dende primeiras horas da xornada de mañá a alerta laranxa por temporal costeiro estenderase ao noroeste, oeste e suroeste da costa da provincia da Coruña e ás Rías Baixas, por mar combinada do oeste e noroeste con ondas de ata 7 metros, así como vento do suroeste forza 7 no noroeste da Coruña.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincia afectada; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra nas zonas afectadas a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Ademais aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal) que conta con información meteorolóxica e enlaces de interese.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.