Activado o autoservizo de impresión dixital de Campus na Nube

Publicado por o día 23/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Activado o autoservizo de impresión dixital de Campus na Nube

Tras unhas primeiras semanas de probas, xa está activado o autoservizo de impresión dixital de Campus na Nube, que ofrece varias alternativas para a comunidade universitaria, ben a través das máquinas de autoservizo, ben no punto de atención física de Cidade Universitaria no campus de Vigo.

Catro vías para PDI e PAS

Para o persoal docente e investigador e o de administración e servizos existen catro opcións para imprimir e fotocopiar. Por unha banda, pódense enviar os documentos que se queiran imprimir a través do servizo Fast/Print dispoñible na web de Campus na Nube, e o material impreso será enviado ao despacho ou oficina indicado. Outra alternativa é empregar unha das 18 máquinas de autoservizo que se instalaron nos campus de Vigo e Pontevedra achegando os documentos cun USB. Unha terceira opción permite enviar os arquivos a través da web campusnanube.gal/impresion-autoservicio/ co nome de usuario da UVigo e recoller os documentos na máquina de autoservizo cando se elixa. Finalmente, PDI e PAS teñen a opción de achegarse ao punto de atención física que existe no campus vigués, no centro comercial, que dispón de persoal para realizar os traballos. Ademais, o profesorado que queira entregar documentación ao seu alumnado pode enviala a uvigo@campusnanube.com para a súa impresión e os estudantes poden recollela na área comercial.

Tres alternativas para o alumnado

No caso do alumnado, teñen á súa disposición as máquinas de autoservizo das escolas e facultades, a onde se poden achegar cun USB ou enviar os arquivos a través de campusnanube.gal/impresion-autoservicio/ co nome de usuario da UVigo e recoller os documentos na máquina de autoservizo que elixan. Se precisan atención persoal, poden acudir ao local da área comercial e imprimir os documentos dende os ordenadores que están a disposición do público. Finalmente, no caso de precisar imprimir arquivos da plataforma FaiTIC, o alumnado pode envíalos a través de campusnanube.gal/gl/impresion-autoservicio/ e recollelos cando considere oportuno en calquera máquina de autoservizo.

18 máquinas en Vigo e Pontevedra

A instalación das 18 máquinas de autoservizo nos diferentes centros e a apertura dun punto de atención física no centro comercial da Cidade Universitaria do campus de Vigo é unha solución transitoria mentres non se licite un novo servizo completo de reprografía, despois de que a empresa que ata agora prestaba o servizo decidise cesar a súa actividade.

Así, no caso do campus de Vigo colocáronse un total de 13 máquinas autoservizo, distribuídas entre as diferentes escolas e facultades,  tanto nos centros do campus como nos dous de Torrecedeira. Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e nas escolas de Enxeñería Industrial (sede campus) e Enxeñaría de Telecomunicación procedeuse á instalación de dúas máquinas en cada unha delas debido ao elevado nivel de uso do servizo nestes centros. En Pontevedra as máquinas instaláronse nas facultades de Belas Artes, Ciencias Sociais e da Comunicación, Ciencias da Educación e do Deporte, Fisioterapia e na Escola de Enxeñaría Forestal. A nova situación non afecta ao campus de Ourense, xa que neste caso non se dispoñía de servizo atendido, polo que a situación continuará como ata o de agora.

Tarifas

Nas máquinas de autoservizo o prezo das copias é de 0,04 € para branco e negro e 0,25 € para cor, mentres que no punto de atención física as copias varían en b/n entre os 0,005€ entre 1 e 50 unidades e os 0,04 para máis de 51. En cor, os precios son de 0,50€ entre 1 e 11 copias e de 0,40€ a partir de 11 unidades. O prezo das fotocopias manuais é de 0,07€ e  na impresión autoservizo é de 0,04€, mentres que o servizo 24 horas ten un prezo de 0,03€.

O pago realízase a través dun peto electrónico no que a comunidade universitaria se debe dar de alta e recargar o crédito cando o precise.