Afundación homenaxea a vida e a obra de Abelenda coa mostra «Yo, Abelenda» na Coruña

Publicado por o día 11/04/2019 na sección de Cultura,A Coruña,Eventos,Galicia

Afundación homenaxea a vida e a obra de Abelenda coa mostra «Yo, Abelenda» na Coruña

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a mostra «Yo, Abelenda», unha viaxe pola vida e obra do poliédrico artista coruñés recentemente falecido. A rolda de prensa de presentación tivo lugar esta mañá na Sede Afundación da Coruña coas intervencións do fillo do artista, Alfonso Abelenda; da comisaria da mostra, Valle García; e da coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela. Esta tarde, ás 20.00 h, celebrarase a inauguración cun acto no Auditorio da sede que contará coa presenza de Ánxeles Penas, crítica de arte; de Alfonso Abelenda, fillo do artista; da comisaria da mostra, Valle García; e o director – xerente de Afundación, Pedro Otero. A capacidade está completa.

A mostra poderase visitar a partir de hoxe e ata o vindeiro 8 de xuño na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande. 8), de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h, e sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

A EXPOSICIÓN «YO, ABELENDA»

Alfonso Abelenda sempre mesturou arte, ironía e vida. Desa pluralidade xorde este personaxe nada fácil de describir: estudante de arquitectura en Madrid, campión de España dos 110 metros vallas, xogador de rugby, estudante de ciencias exactas, actor en películas de romanos, westerns e comedias, falador no Café Gijón, lexionario en Marrocos, pregoeiro, nómade por terras do Riff, Madrid, Santiago, Montevideo, Caracas, París, Londres, Nova York, Los Ángeles, Nova Orleans, Berlín…, cabaleiro da Orde de María Pita, membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia, humorista e, sobre todo, pintor.

O proxecto expositivo «Yo, Abelenda» pretende establecer un percorrido polos diferentes xéneros e movementos plásticos que foi atravesando a obra de Abelenda durante máis de 70 anos de traxectoria, cunha antoloxía de 117 obras seleccionada da inmensa produción do artista.

A mostra articulouse ao redor de 9 seccións repartidas entre as dúas salas de exposición e nos corredores, co propósito de crear un percorrido expositivo coherente coas interrelacións entre a obra e o espazo.

As obras enmarcadas na sección «Ilustración e humor» son as que abren a mostra no vestíbulo. Son ilustracións orixinais que o artista fixo nos anos 60, 70 e 80 para as publicacións La CodornizDon Juan e Cambio 16. Tamén aquí se atopan viñetas, debuxos e revistas. No corredor, fotocopias de ilustracións, debuxos e viñetas, colocadas de forma aleatoria, en clara alusión á recorrente obsesión do artista polas fotocopias no seu proceso creativo.

Na primeira sala sitúanse as seccións «Retrato»«El Prado», e «Bodegón». Na segunda sala sitúanse as seccións «O taller», aproximación máis persoal ao estudo do artista co seu cabalete, as súas ferramentas e elementos persoais, referentes á súa etapa como deportista, fotos, bosquexos e papeis; «A creación», lenzos nos que Abelenda reflexiona sobre o proceso creativo en forma de homenaxes a Lugrís, Cunqueiro, ou Paco de Lucía, así como obras dedicadas á poesía, á alquimia ou á fragua; «Eros», serie de pezas representativas da súa etapa de pintura matérica; e «Tauromaquia e paisaxe», obras maiores nas que se suceden as recorrentes mariñas e dársenas, en alusión á súa frecuente vista da cidade herculina, que forma parte da memoria infantil e da identidade do seu creador.

A diversidade e calidade da arte multidisciplinar e multiestilística de Abelenda, sumado á súa intensa vida social, cultural e deportiva, xera unha fascinación polo personaxe total, e esta admiración é o que este proxecto expositivo pretende transmitir.

Como complemento á mostra, a Área Educativa de Afundación deseñou unha serie de talleres dirixidos a toda a comunidade escolar. Así, os escolares desde infantil ata 3.º de primaria poderán participar en «Astronautas no Universo Abelenda»; o alumnado de 4.º de primaria ata 2.º de ESO en «Os 110 metros vallas da arte de Abelenda»; e os estudantes de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos en «Universo Abelenda». Máis información e reservas para participar en areaeducativacorunha@afundacion.org ou no teléfono 981 185 060.