Alerta sobre a proliferación de falsas ofertas de traballo nas redes sociais

Dende a central achegan unha serie de recomendacións para evitar caer nunha destas estafas
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Emprego,CIG,Sindicatos

Alerta sobre a proliferación de falsas ofertas de traballo nas redes sociais

A federación da Construción e Madeira da CIG está a detectar unha alarmante proliferación nas redes sociais de anuncios de falsas ofertas de emprego tanto na construción como noutros sectores. Segundo puideron constatar, moitos estafadores sen escrúpulos están a aproveitarse da desesperación da xente, chegando incluso a facerse pasar por empresas coñecidas, polo que dende a central achegan unha serie de recomendacións para evitar caer nun destes calotes.

Principais recomendacións

-Non contestes anuncios que non proveñan directamente da empresa que oferta o posto.

-As grandes empresas adoitan contar coa súa propia plataforma de contratación, non anuncian vacantes nas redes sociais e menos a través de terceiras persoas ou entidades.

-Sospeita daqueles anuncios que oferten salarios moi altos por postos sen cualificación, de escasas horas ou traballando dende casa; adoitan empregalo coma reclamo.

-Ollo coas academias e coas empresas formativas que anuncian cursos coma se fosen postos de traballo. Esa “formación” adoita ser cara, non oficial e desde logo non garante ningún contrato de traballo, polo que o único para o que servirán será para facerte perder tempo e cartos.

-Ningunha empresa pode esixir diñeiro por contratarte, desconfía se nalgún momento do suposto proceso de contratación che esixen un pagamento con calquera escusa.

-Nunca proporciones datos persoais nin moito menos bancarios até confirmar ao 100% que a oferta é verídica e estar en disposición de poder formalizar o contrato; os estafadores buscan precisamente facerse cos teus datos.

-Se tras todas estas comprobacións pensas que a oferta é lexítima, contacta directamente coa empresa que oferta o posto, así terás total seguridade de que a oferta é verídica.

-Avísanos se descobres que unha oferta real agocha condicións por debaixo de convenio: na CIG podemos axudarte.

Finalmente, dende a FCM-CIG fan un chamamento a espallar e compartir esta información, sobre todo entre aqueles/as compañeiros/as que están á procura de emprego.