Ana Pontón demanda que o DOG coas medidas para frear a COVID inclúa tamén as axudas aos sectores máis afectados

Ve “indigno” que Feixóo culpe á cidadanía da 3ª onda: “de verdade pensa que a preocupación dos e das galegas é trasladar os bares ás casas?”
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de BNG,Política

Ana Pontón demanda que o DOG coas medidas para frear a COVID inclúa tamén as axudas aos sectores máis afectados

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta que deixe de culpabilizar á cidadanía da evolución da COVID, que sexa claro e contundente na adopción de medidas e que o mesmo DOG que recolle as restricións inclúa tamén as axudas directas aos sectores máis prexudicados.

“A situación non é culpa dunha cidadanía que maioritariamente está cumprindo coas normas, e por iso o intento de Feixóo de responsabilizala é indigno,  máxime vindo de alguén que se fixou como obxectivo salvar o Nadal. E por riba,  agora despáchase pedíndolle a xente que no traslade os bares aos seus domicilios. Realmente pensa que esta é a preocupacións dos e das galegas no medio da pandemia, trasladar os bares aos seus domicilios?”, interpela Pontón.

“Pídolle a Feixóo que deixe de berrar á xente e asuma ás súas responsabilidades, o resto é incompetencia na toma de decisións e covardía á hora de asumilas”, recalcou.

A líder nacionalista tamén demanda claridade e valentía nas medidas, avanzando que o BNG apoia todas as propostas que os expertos consideren necesarias para atallar a pandemia canto antes e tendo en conta a “falsa” dicotomía saúde-economía. Neste sentido, subliñou que as restricións teñen unhas consecuencias económicas que deben ser tidas en conta por parte do Goberno porque afecta aos ingresos de miles de familias.

“Reclamamos que o mesmo DOG no que a Xunta publique as novas medidas para atallar o virus recolla as axudas directas aos sectores máis afectados: hostalería, comercio, turismo, servizos, a todos os que se ven obrigados a pechar as portas e que se quedan sen ingresos”, demandou Pontón.

Sen escusas, -alegou-, “porque o propio presidente de Xunta leva dúas semanas advertindo de que viñan días durísimos e tivo tempo para anticiparse e ter preparadas as axudas económicas que deberían acompañar ás medidas sanitarias”. Finalmente, a portavoz do Bloque insistiu en que Feixóo debe comparecer no Parlamento para dar conta da situación e pediu aos galegos e as galegas que extremen a prudencia ante a alarmante evolución da pandemia.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.