A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo referencia ao encontro previsto este venres entre o presidente da Xunta e o presidente do Goberno central para preguntarse cal foi o resultado para Galiza do primeiro encontro entre ambos dirixentes celebrado fai máis de dous anos, -xullo de 2018-, tendo en conta que os temas que o Goberno galego anuncia son case calcado aos que foron tratados nese encontro con cero resultados.
“AVE, Xacobeo, conexión con Punta Langosteira ou financiamento son cuestións que xa estiveron presentes na reunión que Feixóo e Sánchez mantiveron en 2018 con nulo resultado para Galiza e volven a estar sobre a mesa, nunha especie de día da marmota con foto que pon de manifesto dúas cuestións. Primeira: que esas reunións foi totalmente inútil e non se traduciu en nada concreto para este país. Segunda: o nulo peso político de Feixóo á hora de facer valer os intereses dos galegos e das galegas ante o goberno do Estado, nulo peso político con Raxoi, nulo peso político con Sánchez”.
Pontón argumentou esta valoración repasando as cuestións tratadas no encontro de 2018 e que trinta meses despois seguen ningún avance.
“No caso do AVE, Feixóo saíu da reunión proclamando que tiña o compromiso de que a data de 2019 non se tocaba, e aí están as hemerotecas. Finalmente o único que vimos e que o que non se tocou foi a data de retraso da chegada da alta velocidade a Galiza, e xa perdemos a conta de cantos retrasos van”.
O mesmo pasa co financiamento autonómico, cun modelo que está pendente de reforma desde 2014 sen avance algún e sen que o Goberno de Feixóo teña presentado a súa proposta no Parlamento. “A do BNG é ben coñecida: un concerto económico que permita Galiza xestionar o 100% dos seus recursos e despois facer contas co Estado”, indicou Pontón.
“E xa que dicir sobre a cuestión de novas competencias, outro dos temas tratados naquel encontro sen ningún avance, ningún, e cun Feixóo que segue a manter o triste record de ser o único presidente galego que non conseguiu ningunha nova transferencia. Nada en doce anos, mentres que outros territorios non deixaron de avanzar no seu autogoberno e Galiza se queda atrás”, denunciou.
En definitiva, salienta Pontón, “moito nos tememos que este encontro rematará sendo un novo fiasco para Galiza, que se quedará nunha foto e unha cascada de anuncios que, como pasou fai dous anos, non chegan a concretarse en nada beneficioso para os galegos e as galegas, co agravante neste caso de que estamos no medio dunha crise sen precedentes na que precisamos como nunca ter na Xunta un goberno con capacidade e peso político para defender os intereses do país”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.