Peóns, alfís e cabalos móvense xa cun ritmo frenético na Cidade da Cultura de Galicia. O Campionato Mundial de Xadrez Cadete, no que se dan cita as mellores promesas mundiais deste deporte, comezou hoxe no Gaiás con 400 partidas simultáneas e 851 participantes dos cinco continentes.
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada do director xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, Anxo Lorenzo, foi a encargada de inaugurar o campionato realizando, de maneira simbólica, o movemento de apertura do torneo. Na cerimonia estiveron tamén presentes representantes da Federación Internacional de Xadrez (FIDE); o presidente e o secretario xeral da Federación Española de Ajedrez, Javier Ochoa Echangüen e Ramón Padullés Argerich, respectivamente; o presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez Carnero e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, entre outras autoridades.
Un total de 69 xogadores galegos, procedentes das catro provincias galegas, participan nesta edición do Mundial, a máis numerosa das tres celebradas ata agora nas categorías sub-8, sub-10 e sub-12. Durante as 11 rondas que se disputarán ata o día 16 de novembro medirán as súas forzas con rivais de 85 países, once dos cales lograron xa, a pesar da súa curta idade, algúns dos títulos máis prestixiosos que outorga a Federación Internacional de Xadrez (FIDE), como o de Mestre Internacional ou Mestre e Mestra FIDE.
Máis aló do aspecto deportivo, a celebración do Mundial de Xadrez Cadete no Gaiás supón un impulso excepcional para o sector turístico de Galicia. A organización estima que máis de 2.000 persoas visitarán a nosa comunidade con motivo do torneo. Árbitros, representantes das diferentes delegacións nacionais e tamén os xogadores e xogadoras coas súas familias terán ocasión de coñecer Santiago de Compostela e outros lugares icónicos da xeografía galega, achegándose ao noso patrimonio natural, paisaxístico e cultural.
O Gaiás, contedor de grandes citas internacionais
Precisamente, na candidatura que se presentara ante a Federación Internacional de Xadrez –vencedora por riba de Turquía e Croacia– subliñábase a relevancia da Catedral e do Camiño de Santiago como dous dos elementos máis emblemáticos que Galicia ofrece ao mundo. Así mesmo, a Cidade da Cultura reafirma, ao ser elixida sede do Mundial, o seu valor como espazo para albergar citas internacionais de primeiro nivel, tanto deportivas como profesionais e culturais.
O Campionato Mundial de Xadrez Cadete está organizado polas federacións galega, española e internacional de xadrez, co apoio da Xunta de Galicia –a través da Fundación Cidade da Cultura e da Secretaría Xeral para o Deporte–, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consejo Superior de Deportes. Ademais, colaboran neste evento a asociación de empresarios Compostela Monumental, GADIS, AENA, Área Central, LaLiga4Sports e Chess24.
Os afeccionados ao xadrez poderán seguir en vivo a competición desde a carpa instalada no exterior do Museo Centro Gaiás e tamén vía streaming na web do campionato.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.