Arrinca o micromecenado para rodar o primeiro filme sobre Moncho Reboiras

O filme documental Reboiras. Acción e corazón chegará ás pantallas en 2020, levando por vez primeira a vida de Moncho Reboiras ao cinema. A Fundación Terra e Tempo, produtora desta longametraxe documental dirixida por Alberte Mera, vén de abrir unha campaña de micromecenado para que todas as persoas que desexen colaborar coa película poidan realizar as súas doazóns.
Publicado por o día 01/08/2019 na sección de Cultura

Arrinca o micromecenado para rodar o primeiro filme sobre Moncho Reboiras

No mes de agosto comezará a rodaxe do filme documental Reboiras. Acción e corazón, unha película producida pola Fundación Terra e Tempo e dirixida por Alberte Mera García. Para facela posíbel, veñen de abrir este 1 de agosto unha campaña de micromecenado para que todas as persoas que desexen colaborar poidan facer as súas doazóns a través da web https://gl.goteo.org/project/reboiras-accion-e-corazon

As achegas realizadas a este proxecto a través da plataforma da Fundación Goteo poderán desgravar entre un 30 e un 75% do importe.

As persoas que desexen participar no micromecenado poderán escoller entre diversas modalidades de achegas (10, 20, 50, 200 ou 500 euros). En función da opción escollida, recibirán unha serie de obsequios cos que a Fundación Terra e Tempo desexa agradecer a súa implicación. Entre os agasallos figura unha mención nos créditos do filme, un convite para asisitir a dúas sesións da rodaxe, un exemplar do filme Reboiras. Acción e corazón, xunto coa reedición do libro Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70, as Obras escollidas de Bautista Álvarez en 3 volumes, o documental Cine Clube Carlos Varela de Ramiro Ledo e a serigrafía numerada e asinada Xurdeu a luz nunha longa noite de pedra, Xove, Marzo de 2014 (50x70cm). Trátase dunha serie limitada de 99 serigrafías da obra orixinal de Xoán Guerreiro (Xove, 1959), un dos nosos pintores máis recoñecidos no ámbito galego e internacional.

O filme

Alberte Mera quere reconstruír a vida de Reboiras e o seu pensamento a través de entrevistas a máis de 15 testemuñas que partillaron diversas etapas da vida con el. Ademais, a película incluirá fragmentos audiovisuais que recrearán momentos de relevancia na vida de Reboiras e que se realizarán en colaboración con Nós Produtora Cinematográfica Galega. Desta maneira, a obra comporase de entrevistas, da recreación de momentos claves e tamén de material de arquivo xa existente así como de documentos que se reúnan durante os traballos de documentación e rodaxe.

Nese sentido, as claves do filme son precisamente a presentación humana de Moncho Reboiras e a construción do mito desde a vertente humana.

O proxecto conta xa cunha axuda da Deputación da Coruña, outorgada en concorrencia competitiva. Estrearase en 2020, cadrando co 45 aniversario do seu asasinato.

Moncho Reboiras

O filme quere construír un retrato fiel de Ramón Reboiras Noia, a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza, asasinado o 12 de agosto de 1975. Con só 25 anos, Reboiras sufriu múltiples disparos da policía na rúa da Terra de Ferrol. Aquel mozo de conviccións nacionalistas convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.

O réxime era sabedor das grandes habilidades de Reboiras para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego, mais o propio Moncho tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba. Este será pois o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco.

O equipo

Este filme documental será o quinto que dirixa Alberte Mera (Vigo, 1987) após as curtametraxes Camiño da Memoria (2011), Deixádeas Pasar (2012) e as longametraxes documentais Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013), as dúas últimas tamén producidas pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e publicadas en libro-DVD. Mera é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, con especialidade en Dirección e Guión Cinematográfico e Audiovisual (2009) e ten o mestrado en Comunicación e Industrias Creativas pola Universidade de Santiago de Compostela (2010). É xornalista en Sermos Galiza e ten tamén desenvolvido a súa carreira profesional como consultor de comunicación e deseño, realizando traballos para a Universidade de Vigo e diversas empresas consultoras.

A equipa compóñena Roberto Vilameá, presidente da Fundación Terra e Tempo e responsábel da produción executiva do filme; José Aragunde, director de fotografía; Xosé Lois Ledo, director de produción; Irene Pin, coordinadora de produción, Marcos Paino, quen se encargarase da edición e da posprodución de audio e a cooperativa Numax que realizará a etalonaxe. Patricia Cid e Daniel Chaves encárganse do deseño multimedia e a xornalista especializada en difusión cultural Paula Cermeño leva a comunicación. O cartel do filme é unha ilustración do artista gráfico Pablo Prado.

Desde a Fundación Terra e Tempo tamén veñen de inaugurar a páxina web da película: www.reboiras.gal

Una respuesta para "Arrinca o micromecenado para rodar o primeiro filme sobre Moncho Reboiras"